O CIS madeira crea un sistema integral para recoller biomasa

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, valora moi positivamente iniciativas como a presentada polo CIS Madeira no II Foro da Biomasa, celebrado recentemente en Tecnópole. Trátase dun equipo integral de recollida e tratamento de biomasa, un prototipo pioneiro encamiñado ao aproveitamento da biomasa residual. Esta máquina, explicou Conde, é o resultado “dun longo proceso de innovación e probas, que permite recoller, triturar e transformar no monte e os restos de podas e matogueiras”.

Conde avogou por reforzar a aposta pola innovación co obxectivo de situar a industria da biomasa galega á vangarda de Europa. “En colaboración cos axentes implicados, como mostra este foro, estamos a configurar a Galicia do futuro, apostando pola innovación”, incidiu.

En canto ao método elaborado polo CIS Madeira, ten como principal característica a de potenciar o uso en torrente da biomasa, reducindo custos e tempos. Por outra parte é un sistema que permite aproveitar todas as partes da madeira con maior valor engadido posible e reducir o risco de incendios forestais. “O prototipo está pensado, ademais, para integrar outras tecnoloxías de corte e triturado co fin de abranguer un maior grao de tipoloxías de biomasa, optimizando así os seus procesos de recollida”, indicou Conde.

Esta iniciativa reforza a colaboración do CIS Madeira co sector, que no último ano vén asesorando e informando ás empresas galegas na presentación das súas propostas de proxectos de I+D para as convocatorias de Conecta Peme ou doutros programas europeos como o Horizonte 2020.

Programa transfronteirizo

Neste marco de cooperación, Conde apostou por seguir potenciando a innovación da man de todos os centros e investigadores, motivo polo que Galicia está a participar no Programa de Transferencia de Coñecemento Tecnolóxico internacional e impulsou a RIS3 Transfronteiriza co Norte de Portugal. Esta estratexia, explicou, contempla na súa primeira área de actuación o aproveitamento da enerxía procedente da biomasa e do mar.

(Fonte: La Región)