O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia fabrica pezas de orixe vexetal

A carreira entre fabricantes para construír o vehículo que menos contamina líbrase en todas as frontes, non só no dos combustibles. Nesa liña, un consocio europeo integrado por 13 socios de cinco países e liderado polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), con sede no Porriño, logrou desenvolver unha serie de materiais bioplásticos entre os que destaca un elaborado a partir do ácido poliláctico procedente do amidón, ao que se lle incorporaron como aditivos nanoarxilas, tamén de orixe renovable.

A coordinadora do proxecto, Pilar Vidal, explica que a principal vantaxe do novo produto é que é renovable nunha porcentaxe superior ao 95% e, polo tanto, se reduce a dependencia do petróleo. A maiores, ten moi boa resistencia a elevadas temperaturas sen que se degraden as súas propiedades mecánicas.

A día de hoxe, a única desvantaxe é que é máis caro que os plásticos que habitualmente se utilizan na montaxe de automóbiles. Desvantaxe que, a xuízo de Pilar Vidal, non será tal no momento que se aumente a produción, xa que entón “mellorará considerablemente o seu prezo”, afirma.

ECOplast, que é como se bautizou o proxecto, estivo enfocado a validar o novo produto pensando no interior do vehículo, neste caso en concreto para un panel de porta, pero pode servir para calquera outro compoñente plástico do interior do coche.

Dentro do mesmo proxecto, o CTAG fixo grandes avances noutros materiais como o PHB (polihidroxibutirato, procedente de síntese microbiana) e o PBP (polímero sintetizado a partir de proteínas da seda). O primeiro, que xa é apto para outros usos, está moi preto de poder integrarse no sector da automoción, en tanto o segundo, que aínda non está no mercado, “mostra propiedades moi interesantes para outro tipo de industrias”, sinalan dende o centro galego.

Investimento e socios

O proxecto, cofinanciado polo 7º Programa Marco da UE, contou cun presuposto de 3.955.883 euros, dos que Bruxelas puxo 2,8 millóns. A lista de socios, liderados polo CTAG, intégrana os centros e empresas non só de España, senón tamén de Portugal, Alemaña, Holanda e Finlandia.

Cando hai catro anos o CTAG iniciou o proxecto non empezou de cero, xa que leva máis dunha década traballando, xunto cos provedores galegos do automóbil, na enxeñería e deseño de todo tipo de pezas susceptibles de ser substituídas por materiais ecolóxicos e ensaiando novos compoñentes.

(Fonte: La Voz de Galicia)