Esta é unha das liñas de colaboración que analizaron hai uns días nunha xornada de traballo o director de investigación, innovación e tecnoloxías de PSA, Jean Marc Finot, e o director da planta de Vigo, Yann Martin, xunto con directivos e técnicos do CTAG e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.
Durante a xornada, o titular de Economía e Industria valorou moi positivamente os proxectos conxuntos que desenvolven a multinacional e o Centro Tecnolóxico porque permiten a Galicia situarse “á vangarda da innovación” no sector da automoción”. Na mesma liña, Francisco Conde subliñou que o traballo intenso de CTAG propicia “o mellor escenario para que a Comunidade estea á cabeza dos desenvolvementos no sector do automóbil”.
A ese respecto, destacou que este centro de investigación e excelencia comparte obxectivos coa Xunta e recordou que a administración autonómica aposta por “atraer proxectos de innovación” de grandes multinacionais, e por facilitar a “transferencia de coñecemento”.
Por iso, o conselleiro avogou por que se manteña un “marco estable” de colaboración entre PSA e CTAG, que permitirá reforzar a competitividade da planta de Balaídos, senón tamén de toda esta industria en Galicia.
Pola súa parte, o responsable de Investigación, Innovación e Tecnoloxías avanzadas de PSA Peugeot Citroën, Jean Marc Finot, coñeceu de primeira man algúns dos proxectos nos que a marca traballa en cooperación cos técnicos do CTAG. Entre eses proxectos, destacan os traballos sobre automatización da condución, é dicir, o desenvolvemento de tecnoloxías que permitan crear máquinas máis intuitivas para facilitar a transición entre a condución tradicional e a condución automática (sen intervención da persoa).
Jean Marc Finot explicou que a finalidade desas investigacións é o desenvolvemento dun coche que permita, en determinadas circunstancias, que o condutor ceda o control ao vehículo. Non obstante, esa condución automatizada só sería posible en momentos e tramos de vía concretos, mentres que o condutor debería tomar o control no resto de situacións.
(Fonte: Consellería de Economía)