Creado no ano 1996, como centro tecnolóxico sen fins de lucro e dependente do Instituto Galego de Promoción Económica, dous anos despois foi transferido á agora Consellería de Economía Emprego e Industria da Xunta de Galicia, enmarcándose dentro da Axencia Galega de Innovación.
Actualmente, é un centro ao servizo da industria da madeira de Galicia, que conta con equipamento para poder realizar proxectos de investigación e asistencias técnicas, laboratorios, cámaras climáticas, unha cámara de néboa salina ou unha cámara de envellecemento acelerado e persoal técnico composto por titulados superiores e medios en varias disciplinas de enxeñería.
Xunto co desenvolvemento de proxectos de I+D+i, o CIS-Madeira ofrece servizos tecnolóxicos avanzados tanto a profesionais como a empresas do sector. Estes servizos están orientados basicamente cara ao control de calidade de materiais e produtos, a reenxeñería de procesos, e o asesoramento sobre construción en madeira.
O CIS Madeira traballa así en ensaios físicos sobre humidade, a absorción de auga ou a estabilidade dimensional; en ensaios mecánicos sobre resistencia á flexión; en ensaios químicos sobre emisións de formaldehido ou o contido de area en taboleiros e en ensaios a produtos de rematado sobre a resistencia á abrasión, á luz solar ou aos produtos domésticos.
Nos últimos anos o CIS Madeira intensificou a súa prestación de servizos en proxectos construtivos. Neste ámbito destaca o asesoramento e o control de calidade levados a cabo para a construción de dous edificios tan significativos como a Estación Marítima de Vilanova de Arousa, na que os retos principais tiñan que ver co material da envolvente que requiría dunha elevada durabilidade e estabilidade dimensional xunto a un acabado decorativo o cal debía alcanzar un período de mantemento razoable, nun ambiente mariño.
E na rehabilitación da Casa do Cabido de Santiago de Compostela, na revisión de vigas, encolado e o ignifugado do edificio. Pero como centro de transferencia de coñecemento participa en proxectos de I+D, como a avaliación das posibilidades de aproveitamento enerxético das principais formacións de matogueira en Galicia, centrándose no estudo de recollida, caracterización enerxética e nos efectos ambientais de aproveitamento deste recurso.
No ámbito dos novos materiais, desenvolve GreenMotion co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e o Pólo de Inovação em Engenharia de Polímeros para reforzar con fibra de madeira os plásticos, o que permite reducir o contido de derivados petroquímicos na mestura e diminuír o peso, sen limitar as prestacións técnicas do material nos automóbiles.
(Fonte: La Región)