A institución presentou hai uns días uns rotis de carne e hortalizas elaborados con ingredientes de cinco cooperativas de toda Galicia, reunidas pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). O obxectivo deste proxecto é desenvolver e animar a novos produtos de quinta gama con alimentos da comunidade. Lucio García, responsable da oficina de proxectos, explica o proceso para crear este produto: “As cooperativas póñense en contacto para desenvolver este roti e nós traballamos con el e estudamos cada unha das características finais do alimento, xa que son de distintas carnes e verduras cada un”.
Tras a presentación dos resultados do proxecto, que leva por nome Innoalcoop, os asistentes puideron comprobar de primeira man como sería o proceso de elaboración dos rotis nunha planta piloto que a institución creou especificamente para este fin. Posteriormente os presentes probaron os alimentos resultantes. Estes produtos, denominados de quinta gama ou precociñados, son aqueles que están listos para o seu consumo tras a súa compra. Tras esta xornada, son as cooperativas participantes as que deben valorar se continúan adiante co proxecto e que utilizan o traballo realizado pola institución pública ou, pola contra, desbotan esta posibilidade.
“Nós dámoslles a fórmula de todo o que facemos, tanto da composición dos ingredientes coma da industrialización. A eles correspóndelles despois elixir que facer”, explica Lucio García, que engade que este prato precociñado tería como unha das súas virtudes fomentar o consumo de verduras e hortalizas: “As gornicións adoita custar máis incorporalas ao menú. Cústanos comer verdura”.
Unha vintena de proxectos
Na actualidade, o Centro Tecnolóxico da Carne atópase traballando nunha vintena de proxectos simultáneos, que van dende o servizo a empresas a formación e asesoramentos.
Un exemplo das iniciativas que teñen entre mans é Magosto Exprés. Unha empresa de Lugo encargoulles crear castañas para microondas, similares ao formato de pombas de millo en bolsas. Un proxecto ourensán no que están a traballar é o encargado por Auriensis Selectum, unha empresa con sede en Vilardevós que posúe un souto e busca potenciar os usos dos seus produtos (principalmente castañas, mel e cogomelos). Tamén son os desenvolvedores da gama Selecta de xamón do grupo Coren, de grande éxito internacional. “Desenvolvemos proxectos en varios sectores alimenticios, non só con carne. Somos o único centro tecnolóxico de Galicia que ofrece a posibilidade de traballar nestas áreas”, explica Lucio García, que destaca a dedicación da institución á pataca e os cogomelos.
O CTC, como entidade dependente da Xunta, ten alcance autonómico, pero tamén traballa con diferentes proxectos nacionais, portugueses e europeos. A organización naceu no ano 2005, establecendo a súa sede de operacións no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas.
(Fonte: La Voz de Galicia)