O Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), situado en Tecnópole, prevé investir en 2019 un total de 2,7 millóns de euros nos proxectos de investigación que desenvolve en colaboración con empresas agroalimentarias e institucións do sector.
Durante o presente exercicio, o CTC ten previsto colaborar en polo menos 57 iniciativas de I+D+i. Sobre o seu balance de 2018, só no segundo semestre do ano desenvolvéronse 63 proxectos de I+D+i, case todos en colaboración con empresas e outras entidades do sector agroalimentario, cun investimento global mobilizado de case 22,5 millóns de euros.
A maioría dos proxectos de I+D+i nos que participa o Centro Tecnolóxico da Carne proveñen da participación en convocatorias de carácter autonómico (da Consellería de Medio Rural e da Axencia Galega de Innovación) ou estatal (do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria, da Axencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Economía e Competitividade, do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación), así como outros de carácter internacional.
(Fonte: Campo Galego)