Un total de vinte e seis grupos operativos de innovación beneficiáronse das axudas que xestiona a Xunta para a execución de diferentes proxectos en favor do campo galego. Entre eles atópanse o Centro Tecnolóxico da Carne, con sede en Tecnópole, e empresas e entidades con sede na provincia de Ourense.
Estas entidades están integradas en equipos multidisciplinares que tratan de poñer en marcha proxectos que promovan a innovación no medio rural en áreas como a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a cadea agroalimentaria, a bioeconomía ou a aplicación das tecnoloxías da información ao sector.
Son, en total, case 2,4 millóns de euros os que se xestionaron dende o goberno galego para estas subvencións, cofinanciadas entre os fondos Feder, a Xunta e o Ministerio de Agricultura. Deles, unha parte importante chegará á provincia de Ourense, a través das partidas que lles foron adxudicadas ás distintas entidades que as solicitaron.
Destaca entre todas o Centro Tecnolóxico da Carne, situado en Tecnópole, que logrou fondos por valor de algo máis de 185.000 euros para desenvolver sete iniciativas nas que participa xunto a empresas ou entidades doutras provincias.
A resolución publicada polo Diario Oficial de Galicia sinala que as axudas se distribuirán en tres anualidades, finalizando en 2020. A redución de antibióticos na dieta dos animais de porcino no ciclo industrial, o efecto do sistema de cría e da idade do sacrificio sobre as características da carne de porcino ou as estratexias para a competitividade e a sustentabilidade dos pastores de Galicia son algúns dos proxectos nos que está involucrado o centro tecnolóxico ourensán.
A empresa Coren, pola súa banda, foi tamén elixida nesta convocatoria para o desenvolvemento dunha iniciativa que ten por obxecto estudar prácticas sustentables para a xestión dos fertilizantes en explotacións agrarias eficientes. Neste proxecto participa xunto a outras sociedades, entre as que se atopa a limiá Celso Gómez Valencia. A partida para ambos os dous supera os trinta mil euros.
Universidades e cooperativas
Tamén a Universidade de Vigo se atopa entre as seleccionadas, no seu caso para un proxecto denominado “vacún cervexeiro”, no que participa xunto a unha firma gandeira pontevedresa e, de novo o Centro Tecnolóxico da Carne.
A castaña tamén centra algunhas das iniciativas innovadoras para o campo galego, impulsada pola cooperativa Amarelante, de Manzaneda. No seu caso, co financiamento recibido porase en marcha un traballo para lograr un método esterilizador por métodos non convencionais.
Outras das entidades beneficiadas con estes fondos é o consello Regulador da Ribeira Sacra, inmerso nun plan de autoxestión e valorización do bagazo fresco destilado. A cooperativa Viña Costeira, pola súa banda, logrou algo máis de 31.000 euros que deberá destinar a Ferviña, unha proposta que ten por obxectivo desenvolver un sistema integrado de fertilización no sector vitícola para facelo máis sustentable. Iniciativas relacionadas co viño e a castaña tamén lograron financiamento.
(Fonte: La Voz de Galicia)