Tecmeva -Tecnoloxías Médicas de Vangarda- é o centro de investigación en novas tecnoloxías cirúrxicas minimamente invasivas situado no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-. Trátase dun centro punteiro no eido da cirurxía experimental na nosa comunidade, destinado á formación dos cirurxiáns, así como á mellora das condicións de seguridade, eficiencia e calidade da actividade cirúrxica.
O centro, xestionado por Tecnópole, dispón dunha área de 300 m2, divididos en dúas plantas, totalmente acondicionadas para realizar actividades de investigación aplicada e formación en diferentes técnicas de laparoscopia. Conta cun Sistema de Quirófano Avanzado, cuxa tecnoloxía está a disposición dos hospitais, administracións públicas sanitarias, xestores e profesionais -tanto públicos como privados- para a formación en técnicas vangardistas.
As instalacións de Tecmeva veñen de acoller un curso de formación dirixido a traumatólogos e neurocirurxiáns de toda Galicia sobre unha técnica cirúrxica novidosa para a intervención de hernias discais. Impartírono expertos de referencia neste campo no ámbito nacional como son os doutores Juan Castro Toral, xefe de Servizo de Traumatoloxía do Hospital San Rafael da Coruña; Juan Álvarez de Mon Montoliu, especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía na Unidade de Columna do mesmo centro; e Manuel González Murillo, especialista de Endoscopia de Columna do Hospital HM Puerta del Sur de Madrid.
Unha técnica máis segura, sen riscos para o paciente
Os doutores Castro e Álvarez indican que a hernia discal é unha lesión moi común da columna vertebral, que se produce polo desgaste dos discos que hai entre as vértebras, coa consecuente presión sobre os nervios cercanos ou a médula espiñal, o que provoca unha dor intensa. E, aínda que algúns tipos non son molestos, son moitas as que cómpre tratar e, destas, o 30% teñen que pasar por quirófano. Para extirparlas, ata o de agora facíase unha incisión duns 3-4 cm ata a columna, o que implicaba cortar musculatura, quitar un ligamento que recobre a zona lumbar e moverse entre os nervios para chegar ata a hernia. “Era unha técnica bastante agresiva, que deixaba cicatriz tanto interna como externa e supoñía un maior risco para o paciente. O postoperatorio era complexo, ao tempo que non sempre se lograba limpar por completo a zona afectada” -sinalan os doutores-.
Agora está empezando a poñerse en práctica unha nova técnica de cirurxía endoscópica lumbar, que require unha incisión mínima, inferior a 1 cm, pola que se introduce unha cánula provista dunha cámara e de toda a aparataxe precisa para levar a cabo a operación. “Ofrécese unha imaxe amplificada e de alta resolución da zona, o que permite unha maior delicadeza na manipulación dos tecidos e a extracción completa da hernia, sen danar a estrutura ósea nin a musculatura. É unha técnica máis segura. Desaparecen os riscos para o paciente posto que non hai sangrado nin posibilidades de infección, ao tempo que apenas se tocan as estruturas nerviosas. Ademais, o paciente pode abandonar o hospital o mesmo día da intervención, sen inflamación e sen dor, polo que non se requiren analxésicos, e en dúas semanas xa pode facer vida normal. E a hernia non volve a reproducirse, o que era habitual coas técnicas clásicas” -manifestan os doutores-.
Fonte: Tecnópole