A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acolleu a celebración da xornada “Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro”. Unha iniciativa impulsada polo Nodo Ciber.gal en colaboración con esta escola da Universidade de Vigo e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.
Ourense converteuse no escenario elixido para desenvolver esta charla porque está a piques de converterse nun referente nacional en materia de innovación tecnolóxica, grazas á próxima construción do Centro de Ciberseguridad de Galicia, que se situará no Parque Tecnolóxico de Galicia. Así o destacou o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño: “Esta nova instalación traerá consigo numerosas oportunidades para as empresas e para os futuros estudantes. É o mellor momento para facer da ciberseguridade unha aposta segura e explorar este horizonte”.
Cerviño lembrou a importancia de “investir para o futuro neste Centro de Excelencia”, outro dos grandes beneficios cos que conta o proxecto. “Se somos capaces de que a gran parte do diñeiro que se invista en seguridade non sexa só gasto, senón que tamén sexamos capaces de crear un tecido produtivo, poderemos exportar grandes servizos ao resto de España e Europa. Ourense e Galicia teñen que aproveitar esta ocasión”, explicou.
Fonte: Faro de Vigo