A Xunta prevé licitar as obras do futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (Ceciga) este verán, co que poderían iniciarse antes de que remate este exercicio e estar plenamente operativas no ano 2025. Así consta nos plans do goberno galego para facer realidade unha das súas promesas estrela para o presente mandato na provincia de Ourense.
En marzo do ano pasado a Xunta anunciou a creación desta dotación no Parque Tecnolóxico de Galicia e foi en setembro cando adxudicou por 196.000 euros a redacción do proxecto e a dirección de obra do futuro centro. Sobre a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Andrés Perea e Elena Suárez recaeu a adxudicación do proxecto básico, que xa foi aprobado pola administración autonómica.
Pero aínda quedan pasos administrativos por pechar antes de que se mova un só metro cúbico de terreo no Parque Tecnolóxico. Resta a redacción do proxecto de execución, que se agarda sexa entregado esta mesma primavera para ser supervisado e abrir a porta a continuación á adxudicación das obras, segundo as previsións oficiais.
O Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia ocupará a parcela 3E do Parque Tecnolóxico, que ten uns 3.000 metros cadrados de superficie, sobre a que se levantará un edificio de 1.800 metros cadrados, propiamente dedicado á dotación de ciberseguridade. O investimento total anunciado pola Xunta para todo o conxunto elévase a 5,4 millóns de euros.
O futuro Ceciga albergará os espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, as diferentes áreas de traballo, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de alugueiro para empresas privadas do sector que se queiran implicar no proxecto.
Fonte: La Región