O CDTI pon en marcha un fondo de capital con 400 millóns para empresas españolas industriais e tecnolóxicas

O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) seleccionou a Nmás1 Capital Privado SGEIC S.A.U. para xestionar un fondo de máis de 400 millóns de euros. O CDTI, a través da sociedade Innvierte, exerce de investidor áncora do fondo achegando 100 millóns de euros, mentres que Nmás1 Capital Privado deberá incorporar polo menos 300 millóns máis de capital privado nacional e internacional.

Este novo fondo poderá atender investimentos de ata 60 millóns de euros en empresas españolas de mediana capitalización (midcaps) tecnolóxicas e industriais. Para a selección da xestora levouse a cabo un procedemento aberto e competitivo ao que se presentaron 6 entidades xestoras nacionais e internacionais. O interese espertado mostra a vontade de operadores de “private equity” por acercarse a empresas españolas con capacidades tecnolóxicas e industriais.

Nmás1 Capital Privado xestionará un  dos maiores fondos de “private equity” español, no que se prevé unha alta participación estranxeira. A empresa elixida destaca polo seu equipo, a súa traxectoria, a súa experiencia xestionando fondos de tamaño similar e a adecuación da súa estratexia de investimento aos obxectivos perseguidos pola iniciativa promovida por CDTI.

O fondo, que está previsto que conte cun mínimo de 400 millóns de euros e un máximo de 525 millóns, ten como principal obxectivo consolidar o tamaño das midcaps españolas mellorando a súa competitividade e ofrecendo un maior acceso aos mercados internacionais.

Aínda que a estratexia de investimento do fondo non se limita sectorialmente, o fondo acometerá os seus investimentos principalmente nos seguintes sectores: químico, farmacéutico, biotecnolóxico, biosanitario, electrónica, IT, agroalimentario, equipamento electrónico e mecánico, automoción, aeroespacial e materiais de transporte e enerxía.

(Fonte: Innovamás)