O CDTI mellora os tramos non reembolsables para os proxectos de I+D empresarial

O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) aprobou as novas condicións financeiras dos seus instrumentos, que entrarán en vigor a partir do 1 de febreiro de 2014. Concederá un tramo non reembolsable en todos os seus proxectos de I+D, que oscilará entre o 5% e o 25% sobre a axuda concedida.

A principal novidade é a introdución dun tramo non reembolsable en todas as axudas para proxectos de I+D empresarial. Este tramo modularase en función das características do beneficiario (PEME ou grande empresa) e do proxecto, dependendo do lugar de desenvolvemento, colaboración con centros xeradores de coñecemento ou se é froito dun proxecto en cooperación tecnolóxica. Así, o tramo irá do 5% para un proxecto de I+D desenvolvido por unha grande empresa ata o 25% no caso dun proxecto de cooperación tecnolóxica internacional desenvolvido por unha PEME.

Por último, ampliouse o prazo de amortización dos proxectos financiados a través da Liña Directa de Innovación, que poderá alcanzar ata os cinco anos máis un de carencia.

Con estas medidas, o CDTI pretende impulsar a I+D+i das empresas españolas en vésperas da recuperación económica para facelas máis competitivas e con capacidade para xerar produtos de alto valor engadido.

114 novos proxectos aprobados

Por outra banda, o CDTI tamén aprobou neste último Consello de Administración 114 novos proxectos tecnolóxicos cun presuposto total que ascende a 85,8 millóns de euros. O CDTI achegará 66,9 millóns de euros, impulsando, deste xeito, a I+D+i empresarial.

Dezasete dos proxectos aprobados pertencen á Liña Directa de Innovación. Esta axuda financeira ten como obxectivo cofinanciar, por medio de empréstitos bonificados cun tipo de interese do 2%, proxectos empresariais que impliquen a incorporación e adaptación de tecnoloxías que supoñan unha vantaxe competitiva para as compañías, así como procesos de mellora de tecnoloxías e adaptación a novos mercados.

O resto, 97, son proxectos EEA-Grants, algúns dos cales se desenvolveron en consorcio. O Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA) para o período 2009-2014 (EEA-Grants) ten como obxectivo fortalecer as relacións bilaterais entre os Estados doadores (Noruega, Islandia e Liechtenstein) e os 15 Estados da Unión Europea beneficiarios destas axudas, entre os que se inclúe España, así como reducir as disparidades económicas e sociais.

No desenvolvemento dos 114 proxectos aprobados participan 116 empresas, das cales o 53,4% son pemes e, destas, o 35,5% pertence a sectores de media e alta tecnoloxía. Do total das compañías implicadas, o 37% recibe, por primeira vez, financiamento do CDTI.

O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial estima que a suma destas iniciativas suporá a xeración de 430 empregos directos que mobilizarán, ademais, 688 empregos indirectos. En total, 1118 empregos para o conxunto da economía, dos que unha parte considerable destes é de alta cualificación.

(Fonte: Europa Press)