O próximo martes 17 de novembro terá lugar no salón de actos de Tecnópole unha xornada entre as 10 e as 12.30 horas na que técnicos do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) informarán ás empresas e centros tecnolóxicos sobre as oportunidades de financiamento que ofrece o Fondo Tecnolóxico, que en Galicia está dotado con máis de 405 millóns de euros para o período 2007-2013.
Durante a primeira hora da xornada exporanse os instrumentos de financiamento e cooperación para proxectos de I+D+i contemplados no Fondo Tecnolóxico dende unha perspectiva nacional, coa explicación dun caso práctico. A segunda hora estará dedicada aos instrumentos de financiamento e cooperación para proxectos de I+D+i dende unha perspectiva internacional, tamén coa exposición dun proxecto real.
O Fondo Tecnolóxico é unha partida especial de fondos FEDER da Unión Europea dedicada á promoción da I+D+i empresarial en España. O CDTI foi designado para xestionar boa parte deste, priorizar o apoio a proxectos realizados por agrupacións de empresas por medio de tres novas modalidades de proxectos: os proxectos integrados, os proxectos de cooperación tecnolóxica entre pemes e os proxectos de cooperación interempresas nacional. Non obstante, o CDTI tamén apoia con cofinanciamento do Fondo Tecnolóxico proxectos individuais de I+D.
Tecnópole organiza esta xornada, especialmente dirixida ás empresas e centros tecnolóxicos do seu recinto pero aberta a todos os axentes interesados, porque entende que os instrumentos do Fondo Tecnolóxico se adecúan en boa medida a moitos dos proxectos que se desenvolven nas súas instalacións. Para asistir soamente é necesario confirmar asistencia no correo sabela@tecnopole.es antes do 16 de novembro.