O CDTI abre a convocatoria NEOTEC de axudas para pequenas empresas innovadoras

O programa NEOTEC posto en marcha polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) ten como obxectivo promover a posta en marcha de proxectos empresariais que requiran o desenvolvemento de tecnoloxías ou coñecementos xerados a partir da actividade investigadora.

O CDTI outorgará 10 millóns de euros en axudas a pequenas empresas innovadoras que, no momento de solicitar estas axudas, non teñan máis de catro anos de vida e dispoñan dun capital social de 10.000 euros, como mínimo.

Só poderán presentase aquelas empresas realmente innovadoras que cumpran, polo menos, un dos seguintes requisitos: que poidan demostrar, mediante unha avaliación realizada por un experto externo, que desenvolverán produtos, servizos ou novos procesos que supoñan unha mellora en comparación co estado da técnica no seu sector, ou aquelas cuxos gastos en I+D representen, como mínimo, o 10% do total dos seus custos de explotación, durante, polo menos, un dos tres anos previos á concesión da axuda.

Cada subvención financiará até o 70% do orzamento total de cada proxecto empresarial sendo o importe máximo de subvención de 250.000 euros por beneficiario. Para poder participar os proxectos empresariais deberán ter un orzamento mínimo financiable de 175.000 euros e non estar en situación de crise económica.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria, que forma parte do Programa Estatal de Liderado Empresarial en I+D+i do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2013-2016, finaliza o próximo 6 de outubro.

As solicitudes deberán presentarse, unicamente, a través da sede electrónica do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial.

Bases da convocatoria.

(Fonte: CDTI)