O campus deseña no CITI unha nave teledirixida para transportar bolsas de sangue (Tecnópole)

Dúas das titulacións punteiras do campus de Ourense, Aeroespacial e Informática, abren as súas portas de novo a un proxecto conxunto que, en xullo do ano que vén, levará a 23 alumnos á Air Cargo Challenge, unha das competicións interuniversitarias de enxeñaría aeronáutica máis importantes de Europa e á que acode unha trintena das mellores facultades de todo o mundo. Será en Múnic, e coa presenza de catro equipos españois: Barcelona, Cádiz, Valencia e Ourense. A todos eles exporáselles un reto: que unha aeronave de fabricación propia transporte bolsas de sangue como material sanitario no menor tempo posible.

Durante o curso 2020-21, o UVigo Aerotech -así é como se bautizou ao conxunto do campus- centrouse no desenvolvemento dunha aeronave similar a unha avioneta a moi pequena escala, suxeito a normativas de deseño estrutural. Por exemplo, o motor de cada participante determínao a propia organización da competición, debe estar á vista e parte duns parámetros comúns a todos. Así que, na loita por rascar uns segundos ao cronómetro, será a imaxinación do alumnado e a súa destreza para sacar partido da aerodinámica o que decantará a partida.

Traballan desde o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da Universidade de Vigo, en San Cibrao das Viñas. Nun dos laboratorios, sobre a mesa, hai paneis de aluminio que chegan a pesar 50 quilogramos, unha especie de moldes mecanizados para dar forma ás pezas da aeronave, compostas de fibra de carbono. «Actualmente, é imprescindible no sector», razoan. Pero ademais, tamén se traballou con impresión en 3-D. A avioneta, que pode pasar os 80 quilómetros por hora, ten un pequeno depósito rectangular onde se prevé encaixar un compartimiento para as bolsas de sangue. «É como un baúl colector», apunta Dani Velasco, un dos membros do UVigo Aerotech.

Unha avioneta teledirixida

A aeronave que competirá na Air Cargo Challenge ten unha batería que permite unha autonomía de voo dun dez minutos. Necesita uns 40 metros para despegar e outros tantos para aterrar. O deseño, en certa maneira, está ideado para espazos abertos, e o control da avioneta execútase a través dun mando similar ao dos coches teledirixidos, aínda que moito máis sofisticado. «Con máis capacidade de motor e diversas modificacións, é un proxecto pensado para ir cara a desprazamentos máis longos, en espazos abertos», indican.

Firmas como Coasa, Utingal, Gurit, Europrecis, Mecadis, Marine Instruments ou institucións como a Axencia Galega de Innovación (GAIN) implicáronse co equipo. En ocasións, doando materiais para as investigacións que, en condicións normais, custarían miles de euros.

Fonte: La Voz de Galicia