O Campus de Ourense recibirá no novo curso unha relevante incorporación: o Grao en Intelixencia Artificial

A oferta de titulacións da Universidade de Vigo para o curso 2022/2023 vai medrar con dúas importantes novidades: Relacións Internacionais e Intelixencia Artificial, as dúas localizadas no Campus de Ourense. Igualmente, póñense en marcha na UVigo catro novos mestrados, en Enxeñería Biomédica; en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia; en Intelixencia Artificial e en Desafíos das Cidades. En total, a UVigo ofertará nos seus campus de Ourense, Pontevedra e Vigo até 59 titulacións de grao e 65 de mestrado e un total de 5.383 prazas de novo acceso (3.626 de grao e 1.757 de mestrado).

O Grao en Intelixencia Artificial impartirase na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, onde se ofertarán 50 prazas. Trátase dunha titulación interuniversitaria no Sistema Universitario de Galicia de catro cursos (240 ECTS), na que as materias dos dous primeiros cursos son comúns ás tres universidades (A Coruña, Santiago e Vigo) e en terceiro e cuarto na Universidade de Vigo impartirase a orientación en Sistemas de Información Intelixentes.

O título de graduado/a en Intelixencia Artificial quere proporcionar “a formación ampla, profunda e multidisciplinar que precisan os e as profesionais deste ámbito e que resulta imprescindíbel para construír con éxito os servizos e aplicacións intelixentes que están a ter un impacto tan relevante na sociedade actual a todos os niveis”, tal e como recolle a memoria deste título.

Ademais desta oferta de grao, na UVigo porase en marcha no curso 2022/2023 o mestrado interuniversitario en Intelixencia Artificial, que ofertarán as tres universidades galegas, con 20 prazas na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense.

Fonte: Código Cero