O proxecto de especialización do campus de Ourense da Universidade de Vigo segue dando pasos. O último deles coñecíase hai uns días, tras anunciarse que o recinto académico logrou case medio millón de euros para a posta en marcha do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga.
A axuda, que se conseguiu nunha convocatoria da Xunta de Galicia, permitirá dotar ao Campus da Auga “dun instrumento tractor que contribuirá activamente ao desenvolvemento da contorna socioeconómica”.
Así o constatou Ana María Torrado, coordinadora do clúster, no que se integran nove grupos formados por 134 investigadores. A misión desta entidade é “crear unha rede multidisciplinar e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de tecnoloxía e coñecemento co fin de contribuír á sustentabilidade ambiental e á competitividade do sector agroalimentario, co fin de garantir auga e alimentos sans e saudables”.
A nova agrupación sitúa a auga como eixe primordial que conecta todas as etapas do ciclo produtivo dos alimentos, considerando o aproveitamento dos residuos xerados en cada etapa, a súa relación co medio e a calidade da auga como recurso vulnerable. O proxecto de especialización Campus da Auga ten xa o seu propio edificio, que aínda que baleiro se inaugurou hai varios meses. A intención é que o inmoble sexa o lugar no que traballen os grupos de investigación que forman parte do clúster.
(Fonte: La Voz de Galicia)