Un escáner que fai máis eficientes os traballos de xestión forestal. Así pode resumirse o traballo informático no que participou persoal do campus de Lugo (USC) e da Universidade da Coruña (UDC) e que xa está dispoñible. Trátase dun programa de software libre cuxa aplicación é moi útil para calcular con exactitude dimensións e volumes, como explica César Pérez Cruzado, investigador da Escola Politécnica Superior do Campus Terra.
Unha tarefa como a elaboración dun inventario forestal “necesario, por exemplo, para un plan de ordenación dunha comunidade de montes” pódese levar a cabo de maneira máis eficiente e rápida con este novo sistema. Tamén se acaban, di o investigador, as discrepancias sobre medicións, e ademais ábrese a porta a lograr planos con reproducións máis pormenorizadas.
Se os datos sobre masas ou número de pés que hai nun monte alcanzan unha maior exactitude con este programa informático, hai que ter presente tamén que o escáner usado nesta aplicación custa uns 35.000 euros. De todos os xeitos, o citado investigador recalca que ese gasto compénsase coa diminución dos custos de traballo. O sistema, agrega, permitiu superar un obstáculo, pois até agora carecíase dun software que pasase os datos a variables de xestión forestal.
Interese no mercado pola iniciativa
A ferramenta desenvolta pola USC e pola UDC non pasa inadvertida. A aplicación, denominada FORTLS, preséntase como programa de software libre, e noutros países, di Pérez Cruzado, xa interesa. O traballo formou parte da tese de doutoramento de Juan Alberto Molina, que estudou na Escola Politécnica Superior de Lugo.
Fonte: La Voz de Galicia