Dous anos despois de que os investigadores do campus de Ourense empezasen a ocupar a nova sede do proxecto de especialización do Campus Auga, o edificio queda pequeno. A necesidade de centralizar espazos e dar cabida aos equipamentos técnicos levou á Universidade de Vigo a planificar unha ampliación do inmoble, que gañará 632,40 m2 de capacidade.
O proxecto consiste en dúas novas plantas construídas no oco dos soportais orientados ao interior do campus, na parte traseira do edificio. Nelas situarase a nova Planta Piloto de Industrias Alimentarias da Facultade de Ciencias, que até agora non tivera un emprazamento claro, e a sede do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación, CACTI, que actualmente se atopa a 14 quilómetros do campus, no Parque Tecnolóxico de Galicia, San Cibrao das Viñas, polo que o seu traslado facilitará o traballo dos investigadores que necesitan realizar probas nalgún dos equipamentos singulares que ofrece este centro.
O edificio do Campus Auga proxectouse para fortalecer as infraestruturas de I+D do campus de Ourense e actualmente ten 3254 metros cadrados construídos. A maior parte están dedicados a laboratorios especiais, pero ademais, é sede permanente do grupo EPhysLab e da agrupación estratéxica CITACA, e acolle algunhas das aulas da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.
Fonte: Faro de Vigo