O Bluetooth céntrase no Internet das Cousas

Malia todo o que nos deu, e ao grande uso que se lle dá en infinidade de plataformas, a tecnoloxía Bluetooth é constantemente criticada por non mellorar e non repetir cara a onde convén. Mellórase a latencia, mellórase a capacidade de transmisión, mellórase o consumo, o alcance, etc, pero o seu funcionamento en si, para moitos, é algo errático e dista do que esperamos dunha tecnoloxía tan implantada en 2015.

Aínda que o seu uso para transmisión de arquivos quedou practicamente no esquecemento, seguimos necesitando moito do que ofrece, e Bluetooth Smart é a nova versión que chega para corrixir moitos dos seus problemas.

En si, Bluetooth Smart non achega nada revolucionario respecto a anteriores iteracións, pero si o fai onde máis fai falta: wearables e Internet das Cousas, do que se beneficiarán industrias en auxe como a domótica dos fogares conectados ou as cidades intelixentes. A principal novidade da que se benefician estes sectores é un rango de cobertura moito máis amplo, alcanzando agora ata 100 metros, que na práctica poderían ser mesmo máis.

Isto ten grande importancia en casas grandes e en dispositivos compartidos en veciñanzas, como por exemplo sensores, onde ata agora era imposible entaboar comunicación. Ese mesmo rango aprovéitase con outra gran novidade, a mesh network ou rede mallada, que non é máis que un xeito de que os dispositivos con Bluetooth poidan comunicarse entre si como agora se fai por outros protocolos como o Wi-Fi, o que supón un grande avance para a domótica e o fogar conectado. Dende o Bluetooth SIG tamén se anunciou un incremento de velocidade do 100% sen prexudicar á enerxía consumida, feito do que nos beneficiaremos enormemente en transferencias de datos con smartwatches e pulseiras cuantificadoras.

Como vemos, as novidades do novo Bluetooth Smart, que se comezará a estender ao longo de 2016, deixan moi claro que se ben aínda falta tempo para que o Internet das Cousas alcance relevancia real no día a día como aconteceu noutros ámbitos, si se están a dar os pasos necesarios en estándares que favorezan unha implantación cómoda e aberta. Ata agora a interconexión era complicada, pero a nova rede mallada permitirá que todo o que haxa na casa se comunique en perfecta harmonía.

(Fonte: Xataka)