O blockchain protagoniza o almorzo tecnolóxico de peche de 2018

O blockchain ou tecnoloxía de contabilidade distribuída converteuse nun tema candente da actualidade financeira durante os últimos anos. O último almorzo tecnolóxico da tempada 2018 organizado por Tecnópole ofrecerá aos participantes as principais claves desta ferramenta, que permite realizar de forma confiable e segura calquera tipo de transacción entre dúas ou máis persoas a través de internet, sen a necesidade de intermediarios.

A cita é ás 9.30 h. no edificio CEI de Tecnópole. A inscrición é libre e gratuíta.

¿É posible operar unicamente con diñeiro dixital?, ¿pódese prescindir das entidades financeiras?, ¿é seguro e legal? Todas estas cuestións serán respondidas por Juan Carlos Rodríguez Maseda, socio fundador de Dictum Abogados e experto na materia.

Rodríguez Maseda exporá as bases das criptomoedas -como o bitcoin-, así como os retos que representa a nivel legal para garantir a protección da xestión dos datos e a identidade dixital.

Esta serie de almorzos tecnolóxicos enmárcase no obxectivo de Tecnópole de contribuír a promover activamente a competitividade das súas empresas e centros tecnolóxicos. Este formato, de participación reducida, non só persegue a actualización de coñecementos sobre temas legais, administrativos, comerciais ou relativos a tendencias do mercado, senón que se concibe como un espazo de relación entre as empresas do Parque entre elas e con outras, xa sexa en termos de contactos comerciais ou para o inicio de proxectos de innovación conxuntos.

(Fonte: Tecnópole)