O Bio Investor Day celebra a súa cuarta edición na Tecnópole

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) promove e organiza, coa colaboración do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e a Tecnópole, a IV edición do Bio Investor Day, que terá lugar o vindeiro 10 de xullo no Parque Tecnolóxico de Galicia.
Continúa así o apoio da Xunta de Galicia ao emprendemento galego e ao sector biotecnolóxico. O evento, polo que xa pasaron máis de 30 ideas de negocio bio, contará nesta edición coa participación de nove entidades de investimento. A Xunta de Galicia, a través dos Fondos I2C, lidera a iniciativa na que participarán tamén os fondos galegos Unirisco/Uninvest, XesGalicia e Vigo Activo. No ámbito público, a nivel nacional, a Lonxa contará coa representación do CDTI. Pola parte privada, o apoio financeiro concentrarase nos fondos Inveready,  One to One, Health Equity e Caixa Capital Risc.
Emprendedores, investigadores e persoal directivo de empresas biotecnolóxicas galegas interesadas na posta en marcha dun determinado proxecto ou en conseguir unha consolidación no mercado poderán presentar a súa idea de proxecto ou participar no networking posterior.
Esta edición do Bio Investor Day enmárcase no Bio Investor Program, un programa orientado a analizar, completar e mellorar o plan de negocio dos proxectos participantes na Lonxa, a través de formación específica e mentorizaxe (25 horas). Este adestramento permitirá consolidar os proxectos seleccionados e mellorar polo tanto o seu acceso a financiamiento.
 
Entre todas as ideas de proxecto que pasaron pola Bio Investor Academy e outras recibidas, seleccionaranse ata un máximo de dez, aquelas con maior potencial de “acelerabilidade” que poderán participar na Lonxa de financiamento.
 
A xornada, que dará comezo ás 9 horas, ademais de ser o espazo onde terán lugar as roldas de presentación dos proxectos, completarase co relatorio “Instrumentos para o financiamento de proxectos de I+D”, a cargo de Cecilia Hernández, do Departamento de Saúde, Bioeconomía, Clima e Recursos Naturais da Dirección de Promoción e Cooperación do CDTI.
 
Tras a comida networking, terán lugar encontros bilateriais privados entre os fondos e as empresas e emprendedores interesados.