Os baixos prezos do petróleo e o número de plataformas que caen en picado provocaron unha avalancha de titulares que proclaman que a revolución do petróleo de xisto bituminoso, que a principios deste ano elevou a produción estadounidense do cru a case 10 millóns de barrís ao día, está a chegar á súa fin. Non obstante, aos pesimistas pásaselles por alto unha tendencia clave: a baixada de prezos está a impulsar innovacións sen precedentes nos campos petrolíferos, aumentando a produción por pozo e reducindo drasticamente os custos.
Isto é o que permitiu que, aínda que o número de plataformas caera, se puidera manter, ou mesmo aumentar, a produción total. En Eagle Ford, unha importante formación de xisto ao sur de Texas (EEUU), a produción do mes de abril aumentou un 22% comparado coa produción do mesmo mes do ano anterior, segundo Platts.
De feito, algúns observadores esperan unha segunda ondada de innovación tecnolóxica na produción de cru que iguale, ou supere, a primeira, que se baseou en técnicas de perforación dirixida horizontal e a fracturación hidráulica. Alentado por rápidos avances en big data, esta nova ondada promete abrir paso a un segundo renacemento estadounidense do petróleo: “Esquisto 2.0 “, segundo un informe de maio 2015 de Mark Mills, un membro de Manhattan Institute (EEUU), un think-tank de mercados libres.
Gran parte das innovacións tecnolóxicas para o xisto xorden dun feito sinxelo: a práctica fai o mestre. A obtención de hidrocarburos de formacións xeoloxicamente complexas implica a perforación dun gran número de pozos – moito maior que nos campos petrolíferos tradicionais. A perforación de miles de pozos dende o comezo da revolución do xisto en 2006 permitiu aos produtores – sendo moitos deles relativamente pequenos e áxiles – que apliquen as leccións aprendidas a un ritmo moito máis rápido que os seus homólogos da industria tradicional do petróleo.
Esta “aprendizaxe de interaccións repetidas” como o describe o director de Análise da axencia de investigacións enerxéticas IHS, Judson Jacobs, inclúe o cambio a “plataformas petrolíferas móbiles” que se poden desprazar dunha situación a outra, permitindo así a explotación simultánea de múltiples pozos. Os avances nas brocas de perforación; na mestura de auga, sal e os produtos químicos que se empregan para realizar a fractura das formacións de xisto; e no control remoto, e en tempo real, dos equipos de perforación e produción dan lugar a unha maior eficacia.
Ao mesmo tempo, os produtores aprenderon cando facer unha pausa: máis da metade dos custos de pozos de petróleo de xisto bituminoso son xerados na fase da fracturación, cando se bombean fluídos presurizados baixo terra para así partir a pedra. Esta parte do proceso coñécese como a terminación de pozos, e centos deles en Estados Unidos están listos para rematar á espera dunha suba do prezo do cru que faga máis rendible a súa explotación. Nas últimas semanas, varios executivos de empresas petrolíferas chegaron a comentar que unha vez se restablezan os prezos en torno aos 65 dólares por barril (uns 58,45 euros) – o 1 de xuño situábase en 64.92 dólares, o que equivale 58,34 euros – desatarase outra ondada de produción.
Isto podería axudar a EEUU a substituír a Arabia Saudí como o swing producer do petróleo (este termo representa o provedor principal, que controla as maiores reservas dun produto e exerce a principal influencia sobre os prezos de mercado), capaz de adaptacións rápidas do nivel de produción en resposta ás variacións do prezo. Non obstante, a revolución que realmente se divisa xa no horizonte non trata dos equipos de perforación nin nas prácticas: centrarase en big data.
Grazas a novas capacidades sensoriais, o volume de datos producidos por unha operación vangardista de perforación é inmenso (ata un megabyte por cada pé perforado), segundo o informe “Esquisto 2.0” de Mills, ou entre un e quince terabytes por pozo, en función da lonxitude das canalizacións subterráneas. Este aluvión de datos pode empregarse para optimizar a situación da broca de perforación, mellorar o mapa subterráneo, aumentar a produción total e as eficiencias do transporte e para predicir onde se atopa a próxima formación prometedora para a explotación. Moitas empresas petrolíferas xa invisten tanto en tecnoloxía da información e analítica como nos labores de exploración e produción á antiga.
Ao mesmo tempo, unha afluencia de start-ups de datos petrolíferos, como Ayata, FracKnowledge, e Blade Energy Partners, ofrecen servizos analíticos do século XXI ás petrolíferas, que non son coñecidos precisamente pola rápida innovación baseada en datos. Esforzos temperáns de traer a analítica moderna de datos á industria petrolífera fraquearon, segundo Jacobs: “As petrolíferas intentaron contratar un montón de expertos en datos e formalos para convertelos en enxeñeiros petrolíferos. Iso non saíu demasiado ben. O enfoque actual é o de contratar enxeñeiros petrolíferos e emparellalos cos expertos técnicos que poden subministrar a potencia analítica, e intentar casar estes dous grupos entre si”.
Por exemplo a petrolífera BP, radicada en Reino Unido, estableceu “unha rede analítica de toma de decisións” en 2012 que agora dá traballo a máis de 200 persoas que “investigan maneiras de facer avanzar o uso de datos e así axudar aos negocios de BP a aproveitar estas oportunidades”.
Se as iniciativas como esta resultasen exitosas, o big data podería non só alongar o auxe do xisto en EEUU, senón provocar unha revolución similar no estranxeiro tamén. Aplicar as leccións aprendidas do país aos campos petrolíferos de baixa produción noutras rexións podería desatascar ata 140.000 millóns de barrís de cru en países como China, Irán, Rusia e México, segundo un informe do IHS publicado o mes pasado.
(Fonte: Technology Review)