A empresa norteamericana decidiu entrar no sector xusto despois de que os responsables do centro de I+D de Impresoras de Grande Formato de Sant Cugat del Vallès (Barcelona), liderados por Ramón Pastor, responsable mundial da división, viaxasen á sede da compañía para presentar o seu propio produto, totalmente desenvolvido en España.
“Fomos capaces de presentar unha impresora 3D capaz de fabricar unha peza en metal ou plástico a moita maior velocidade que as máquinas existentes, e con niveis de perfección tamén superiores”, afirmou Pastor. Todo un salto cuántico en produtividade xa que “as impresoras 3D actuais poden tardar ata 20 ou 30 horas en completar algunhas pezas, o que as fai pouco efectivas,”, engadiu.
Non parece que lles resultara moi difícil convencer a plana maior da multinacional. En abril deste ano, a conselleira delegada da compañía, Meg Whitman, anunciaba oficialmente a decisión de entrar no sector. Pastor será o responsable de liderar o novo centro.
A partir de agora todos os modelos destas novas máquinas se deseñarán e desenvolverán en España, para ser fabricados posteriormente nas plantas de produción e ensamblaxe de Asia. Iso si, o certo é que Pastor e os seus colegas de Barcelona se beneficiaron do feito de que en Sant Cugat está, dende fai xa varios anos, o maior centro de innovación de HP fóra de EE UU, con máis de 400 enxeñeiros.
Este é apenas o último exemplo dunha multinacional que decide situar en España un centro mundial de innovación ou excelencia. En HP están convencidos de que a presenza en Cataluña do gran núcleo mundial de I+D en impresoras 3D impulsará, ademais, “a aparición de decenas de start-ups de hardware, algo de momento pouco habitual”.
Pola súa banda, Pastor considera que a impresión 3D ten un gran futuro. Estas impresoras, que estarán enfocadas ao mercado de empresas, permitirán producir series curtas de obxectos, pezas e conxuntos a prezos bastante aceptables, que se irán reducindo nos próximos anos.
(Fonte: Innovaspain)