O audio inmersivo revolucionará os programas de radio e televisión

Expertos participantes nun taller da Unión Internacional de Telecomunicacións sobre o futuro do audio na radiodifusión, celebrado recentemente, revelaron como van afectar os novos avances na transmisión de audio ao xeito de facer os programas de radio e televisión, e as novas vías polas que o son entrará nas nosas vidas. Hoxe en día, o son é un parte indispensable da televisión e a radio. Pero serao aínda máis nos próximos anos, grazas aos avances na tecnoloxía de audio.

Na vida real, escoitamos sons procedentes de todo o noso arredor: un paxaro sobrevoando, un coche detrás de nós ou unha voz por diante. Lograr esta mesma experiencia nos medios será o que se denomina o audio inmersivo. Unido á televisión de ultra alta definición de alta calidade, que ofrece unha reprodución de imaxe mellorada, o audio inmersivo elevará a experiencia televisiva a un nivel completamente novo, esfumando aínda máis a fronteira entre a realidade física e a simulación virtual ou dixital.

As futuras capacidades técnicas para o audio tamén permitirán aos espectadores seleccionar o seu propio menú de servizos. Poderán decidir e axustar o nivel de son inmersivo nas súas salas de estar, con creación dinámica de imaxes e sons. Estas características fanse posibles grazas á codificación baseada en obxectos, que permitirá aos espectadores personalizar a súa experiencia visual e de audición no punto de consumo. Isto podería incluír fixar o idioma e distintos aspectos ou seccións da programación, o cal podería achegar un beneficio adicional ás persoas con discapacidade.

Nova era

“Atopámonos no albor dunha nova era apaixonante do son para a radiodifusión”, afirma Houlin Zhao, secretario xeral da UIT. “Estes novos sistemas de audio proporcionarán unhas características adicionais e unha calidade de funcionamento moi superiores ás existentes na actualidade”. “Non se valora o suficiente o papel que desempeña o son nos medios”, afirma François Rancy, director da Oficina de Radiocomunicacións da UIT. “O labor que desenvolve a UIT xunto a outros organismos de normalización está a crear un futuro apaixonante para a produción, transmisión e programación de audio”.

Entre os expertos que presentaron a súa visión acerca do futuro do audio figuraron a televisión británica BBC, as compañías Dolby e DTS, o instituto de investigación alemán Fraunhofer IIS, a empresa de radiodifusión pública xaponesa NHK, e WDR, a radiotelevisión pública de Renania do Norte-Westfalia (Alemaña).

Internet de Todo

Por outro lado, a UIT publicou o seu informe sobre as evolucións normativas das TIC mundiais, que revela unha paisaxe das TIC en rápida evolución, no que dispositivos e servizos proliferan, a conectividade de banda ancha é cada vez máis omnipresente e o mundo conectado de ‘Internet de Todo’ empeza a concretarse.

O futuro tráfico na rede, sinala o informe, estará composto cada vez máis de tráfico de máquina a máquina (M2M) xerado por miles de millóns de dispositivos, produtos e sensores conectados, e comunicacións M2M por redes móbiles celulares que xa son o servizo TIC cuxo tráfico crece máis rapidamente. A proliferación de aplicacións, engade, está a converter os consumidores en consumidores sociais dixitais, comunicadores dixitais e os principais factores do cambio nunha transformación dixital que se estende por todo o sector das TIC.

No informe, sinala a UIT nunha nota de prensa, explícanse resumidamente oito principios de utilización de Big Data e recoñécese a súa importancia como motor de innovación, pero tamén se advirte do posible inconveniente que pode representar o aumento espectacular da compilación e o almacenamento de datos, en particular datos persoais, e sinálase que os reguladores deberán comprender rapidamente as aplicacións positivas e negativas para conservar a confianza dos consumidores.

(Fonte: madridmasd)