O asistente galego de condución intelixente é o que máis ángulos de visión aumentada ofrece no mercado a nivel mundial

O asistente galego de condución intelixente, presentado hoxe a nivel mundial por Xesol Innovation en Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, presenta como principais novidades sobre os sistemas xa existentes que pode ser implantado en calquera vehículo fabricado a partir do ano 2000 e que é moito máis preciso, xa que basea a súa tecnoloxía de detección na visión artificial -en lugar de infravermellos ou radares- co maior número de ángulos de visión aumentada do mercado. Ademais, é intelixente porque incorpora un sistema de aprendizaxe rápida.

O sistema avanzado de asistencia á condución (ADAS) desenvolvido por Xesol Innovación forma parte do proxecto SmartCars que esta start-up leva desenvolvendo dende o seu nacemento hai catro anos. Ás súas sedes de Vigo e Madrid (no Campus Google) sumou recentemente a de Tecnópole, elixida para a presentación oficial do seu innovador produto, que estará á venda para particulares no primeiro semestre de 2017.

“O noso asistente está pensado para proporcionar unha mellor seguridade na condución, a redución dos custos de mantemento do vehículo, un menor consumo de combustible e unha navegación máis intelixente”, explicou José Nogueira, CEO da empresa.

O sistema foi deseñado para ser instalado de forma sinxela en calquera coche xa en uso, á marxe da gama á que pertenza, o que fai que a condución avanzada estea ao alcance de calquera usuario. Non obstante, a empresa está en negociacións con compañías de automoción para incorporalo tamén de fábrica en vehículos novos, caso no que podería completarse con funcións de vehículo autónomo, como freado automático fronte a un obstáculo ou desvío en caso de perigo.

O único sistema similar do mercado é o desenvolvido pola empresa israelí Movileye, coa diferenza de que este só está dotado dunha cámara frontal, mentres que o de Xesol conta con tres cámaras.

O que o ollo humano pode non ver

Este asistente é capaz de proporcionarlle ao vehículo funcións novas e sacar rendemento das que xa tiña. Para facelo, incorpora un sistema de tres cámaras de visión artificial, moito máis precisas que os detectores por infravermellos ou radares dos seus antecesores á hora de detectar e predicir situacións de risco e avisar ao condutor a tempo para evitalas.

Mediante este sistema, o condutor ten a tranquilidade de recibir información inmediata que pode que o seu ollo non perciba por despiste, fatiga ou falta de reflexos ou visibilidade. Deste modo, mediante sinais visuais e sonoros, o asistente alerta sobre a presenza de peóns, ciclistas, vehículos parados ou obstáculos na estrada, así como da irrupción de obxectos, como pode ser un balón, ao que probablemente o seguirá un neno. Tamén avisa de curvas pronunciadas e cambios na forma da calzada, como un próximo estreitamento da vía, así como da invasión involuntaria do carril contrario ou da beiravía. Ademais, é capaz de rexistrar e interpretar os sinais de tráfico, alertando sobre o risco de incumprir as limitacións existentes.

Aplicacións complementarias

No marco do proxecto SmartCars, a empresa desenvolveu tamén outras aplicacións destinadas a apoiar a condución avanzada. É o caso de Escriba, dispoñible dende xuño deste ano, co que o usuario pode ler e responder mensaxes mentres conduce, sen soltar as mans do volante nin tocar o seu móbil, mediante comandos de voz.

A partir do primeiro trimestre de 2017 estarán dispoñibles outras dúas aplicacións: eCall e SmartFace. A primeira delas, que se anticipa á obrigatoriedade de que todos os vehículos europeos incorporen sistemas de chamada de emerxencia en caso de accidente a partir de abril de 2018, conecta (manual ou automaticamente) co servizo de emerxencias e proporciona información sobre a situación exacta do vehículo para facilitar a súa localización.

Por último, SmartFace permite identificar o dono ou usuario do coche mediante recoñecemento biométrico do rostro, bloqueando o arranque por parte de calquera persoa que non fora previamente autorizada. Dende a empresa, sinalan que presenta funcionalidades especialmente útiles para a xestión de frotas.

(Fonte: Xesol)