O CIS-Madeira e a empresa Madera+ -instalada en Tecnópole- están a colaborar nesta edición de Galiciencia, asesorando ademais ao alumnado que o necesite no desenvolvemento dos seus proxectos. A feira celébrase os días 8, 9 e 10 de maio baixo a temática “Mellor, de Madeira”. Conta coa colaboración da Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Esther Merlo é doutora enxeñeira de Montes, directora e responsable de I+D+i na empresa Madera+, que centra a súa actividade en predicir as propiedades tecnolóxicas da madeira sobre a árbore en pé. Resalta a importancia da industria forestal-madeira en Galicia, rexión forestal por excelencia en España, con dous millóns de hectáreas de superficie forestal -o 98% da cal é privada e pertence a máis de 700.000 familias-, onde se producen preto de 10 millóns de m3 de madeira ao ano -o que representa a metade da madeira que se produce en toda España-.
Azahara Soilán é doutora enxeñeira de Montes, técnica no CIS-Madeira, especializada no uso da madeira no sector da construción. Nesta liña, indica que, como material estrutural, estáselle a dar un gran pulo á madeira, mesmo en edificios de varias alturas e en construcións industriais modulares; empregando tanto estruturas puras de madeira como sistemas híbridos combinados con outros materiais máis habituais como formigón ou ferro. Destaca ademais que investigacións recentes vencellan a utilización da madeira en determinadas contornas construtivas coa mellora da saúde física e mental das persoas.
A madeira é a materia prima por excelencia
As expertas poñen de relevo que “a madeira é a materia prima por excelencia”. Apuntan que “ten unhas capacidades tecnolóxicas e industriais moi diversas, sendo un material polivalente que permite o seu uso para infinidade de produtos que satisfán as crecentes necesidades relacionadas coa vivenda, a construción, o mobiliario, os biocombustibles, os medicamentos e outros fins”. Así mesmo, salientan que é un material renovable, reciclable e reutilizable, que pode substituír ou complementar a moitos outros materiais cuxa fabricación implica unhas elevadas emisións de gases contaminantes.
“O uso de madeira, ademais de promover a restauración de bosques e paisaxes e a loita contra o cambio climático, contribúe a diferentes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en relación coa auga, o carbono e a biodiversidade, así como a xerar riqueza e a fixar poboación no rural” -manifestan-.
Os grandes retos sobre os que se está a traballar no campo da madeira
As enxeñeiras explican que, en relación coa madeira, na actualidade estase a traballar na xestión responsable e sostible do bosque, por exemplo mediante o emprego de drons ou a análise de imaxes de satélite. Tamén se avanza na monitorización da cadea de subministración, co fin de garantir a orixe da madeira que chega ás empresas transformadoras, promovendo o uso de madeira local. Así mesmo, salientan que se está a introducir a robotización nos procesos industriais de fabricación; ao tempo que están a xurdir novos bioprodutos a partir de madeira e dos seus residuos como fibra téxtil en base a celulosa, resinas, colas, proteínas comestibles, madeira transparente….
“Queda moito aínda por investigar para optimizar o uso da madeira en Galicia e, en xeral, en todo do mundo” -apuntan-. E, no marco de Galiciencia, consideran que “a feira é unha magnífica oportunidade para que os rapaces e rapazas saiban por que cómpre promover as plantacións forestais para obter madeira, co fin de poder extraer dela todos os recursos sostibles que pode empregar a sociedade”.