O aeródromo lucense de Rozas convértese nun polo de investigación sobre avións non tripulados de uso civil

A Xunta de Galicia completou os trámites para poder desenvolver un centro de investigación de avións non tripulados de uso civil na localidade de Rozas, en Lugo, que suporá un investimento de 10 millóns de euros e que prevé autoxestionarse nun prazo de tres anos.

A iniciativa, na que participan a Consellería de Economía e Industria, o Ministerio de Economía e Competitividade e o Ministerio de Defensa, a través do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), converterá a comunidade “nun polo aeronáutico de referencia”, segundo declarou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Ademais, o mandatario do goberno galego asegurou que o novo Centro de Investigación Aerotransportada abrirá unha oportunidade nun campo que conta con “óptimas expectativas de crecemento”.

En concreto, aludiu ás sinerxías que presenta co conxunto do sector aeronáutico, pola súa capacidade para “atraer grandes empresas internacionais” neste ámbito; e tamén por o seu “potencial” para contribuír a outros sectores estratéxicos da economía como o da automoción e o naval, cos que “comparte moitos procesos e metodoloxías”.

Ao respecto, apuntou que se estima que o mercado destes sistemas de voo se multiplicará durante os próximos dez anos, dende os case 5000 millóns ata os 8000 millóns anuais ao final do decenio, cunha previsión de volume de negocio a nivel mundial de “máis de 65.000 millóns na próxima década”.

Feijóo remarcou que, con este proxecto supón unha “importante oportunidade” para a comunidade científica na captación de talento investigador de alto nivel en Galicia, xa que o novo centro suporá a creación de ata 50 postos de traballo directos unha vez atope funcionando a pleno rendemento.

Ademais, defendeu que se abre tamén unha oportunidade de financiamento para o sector aeronáutico, ao contribuír ao posicionamento da comunidade “na vangarda europea” deste.

En canto á innovación e aplicacións, sinalou que esta iniciativa se centrará no desenvolvemento de áreas clave para Galicia como a agricultura, a pesca ou o ámbito forestal, nas que o uso de drones presenta numerosas aplicacións como a detección e control de incendios e pragas, a localización de recursos hídricos, bancos de peixes e a xestión de mareas vermellas, a vixilancia da contaminación ou a xestión eficiente do territorio.

(Fonte: Europa Press)