O 90% das aproximadamente cinco millóns de apps ou aplicacións móbiles existentes na actualidade non superan os seis meses de vida, segundo datos recompilados nun comunicado polo Observatorio de Transformación Dixital Móbil de Bluumi.
A limitación responde á falta de descargas destas novas aplicacións, aínda que segundo esta entidade dedicada ao desenvolvemento destes programas para empresas, non é o único motivo. Segundo o director de operacións de Bluumi, Estanislao Asián, “ademais de necesitar a publicidade e a notoriedade propia de calquera negocio”, neste tipo de negocios resulta esencial traballar “a experiencia de usuario” no proceso de compra.
Trátase do coñecido como M-Commerce, que implica a realización de compras a través das propias aplicacións e inclúe procesos dende a venda, a xestión e o envío de pedidos ata o servizo postvenda. Segundo Asián, “sen dúbida o M-Commerce é o futuro do comercio online” xa que polo menos o 70% das APPS dispoñibles no mercado basean precisamente o seu negocio case en exclusiva no modelo ‘mobile’, o que supón un 12% máis que o ano anterior.
As empregadas polas principais compañías do sector, como Amazon, Privalia ou Ali express están de feito baseadas neste modelo e son as que “máis facturación aglutinan a día de hoxe”, recordou.
Este Observatorio detectou tamén un éxito crecente no sector das coñecidas como “APPs nicho”, as que están “enfocadas a un grupo concreto” de usuarios.
Entre elas atópanse as de reservas a restaurantes, aplicacións de viños ou de comida para levar, entre outras, as cales logran converter en vendas a “1 de cada 2 usuarios” fronte aos “entre 4 e 7” usuarios que adoitan converter as APPs cotiás por cada 100, asegurou o informe.
(Fonte: EFE)