O 9% do PIB español depende xa da biotecnoloxía

A Asociación Española de Bioempresas (ASEBIO) presentou o seu informe anual, no que se destaca o crecente peso da facturación das empresas da chamada bioeconomía (as adicadas á biotecnoloxía e as que se declaran usuarias) no PIB español, que en 2013 -último dato analizado- alcanzou o 9,07%. A evolución nos anos da crise, desde 2008, foi espectacular, xa que por entón a bioeconomía apenas supoñía o 2,98% do PIB.

A conxuntura económica en España provocou que 2013 dea datos negativos para o sector, situación que ASEBIO alertou nos últimos anos instando ás administracións a que desenvolvesen políticas de choque para evitar a destrución do tecido innovador. O emprego diminuíu o 14,8% ata os 172.939 traballadores en 2013. Fronte a esta cifra, destaca o aumento da cifra de negocios do sector, que alcanzou os 95.152 millóns de euros en 2013, o 18,48% máis respecto ao ano anterior, segundo datos do módulo de biotecnoloxía da Enquisa sobre Innovación Tecnolóxica nas empresas 2013 do Instituto Nacional de Estatística recollidos no mércores, 15 de xullo de 2015.

En relación á cifra de negocios, un 65,68% do total atribúese ás empresas que consideran que a biotecnoloxía é unha liña de negocio secundaria, mentres que un 26,85% é xerado por empresas onde a biotecnoloxía supón unha ferramenta necesaria para a produción e o 7,47% restante ten que ver coas empresas estritamente biotecnolóxicas.

O número de empresas que realizan actividades relacionadas coa biotecnoloxía descendeu o 7,77% ata as 2831 en 2013. Delas, 554 empresas desenvolveron a biotecnoloxía como actividade principal e/ou exclusiva -as chamadas biotechs-, que contabilizan unha caída do 11,42% respecto ao ano anterior. Nestas empresas, o emprego cae o 14,95% e a facturación o 19,2% ata os 7111 millóns de euros.

Investimento privado

O investimento interno privado en I+D en biotecnoloxía aínda segue dando datos preocupantes, aínda que este ano a caída non é tan pronunciada como a do ano anterior. A cifra ascendeu a 514 millóns de euros en 2013, un 1,68% menos que o ano anterior. O grande esforzo en I+D que están facendo as empresas que utilizan a biotecnoloxía no seu negocio estase vendo afectado pola conxuntura económica e pola escaseza de financiamento que provocou que as empresas destinen menos fondos a esta partida, básica para manter o noso nivel de innovación. Nos últimos dez anos chegamos a ter crecementos do 31,8% en 2005 o do 46,6% en 2006.

No ano 2014 publicáronse 976 patentes no sector biotecnolóxico, cun incremento do 8%, dato moi positivo se o comparamos co resultado de 2013 que descendeu un 15,3% respecto a 2012, segundo datos da Fundación Parque Científico de Madrid e Clarke Modet, en colaboración con ASEBIO. O 65% das patentes publicadas corresponden a solicitudes e o 35% a concesións. O sector empresarial, cun 30% das patentes, foi o principal axente que patenta en España, seguido de cotitularidades (26%) e da universidade (21%). A empresa Lipotec é a que ten un maior número de patentes solicitadas e concedidas en 2014, con nove solicitudes e nove concesións, seguida por Grifols. Bioibérica pasa este ano á 3ª posición con catro solicitudes e dúas concesións.

Por distribución sectorial, destaca o predominio das empresas de alimentación (66,7%) e saúde humana (22,6%) nas empresas usuarias da biotecnoloxía, mentres que no caso das empresas estritamente biotecnolóxicas, invístese a orde: saúde humana (62,3%) e alimentación (26,7%).

En canto ao número de produtos lanzados en 2014, contabilizáronse 141, o que representa un incremento do 12% respecto ao ano anterior. O 68,8% destes lanzamentos están dirixidos ao ámbito da biotecnoloxía vermella ou biosanitaria, seguidos polo ámbito da biotecnoloxía verde ou agroalimentaria co 14,9% e a biotecnoloxía branca ou industrial co 13,5%. Ademais, creáronse 58 novas empresas biotecnolóxicas, sendo Andalucía a comunidade con maior número de empresas creadas, con 15, seguida de País Vasco e Cataluña con 11 organizacións cada unha.

(Fonte: ASEBIO)