O 66% das empresas turísticas españolas apostan pola innovación

O sector turístico español quere acelerar aínda máis o proceso de innovación iniciado, segundo o Informe de Innovación Turística en España 2014 elaborado pola Aula Internacional de Innovación Turística de Esade. En concreto, para máis do 66% das empresas que operan no sector, innovar é “indispensable” para saír da crise e un elemento estratéxico en todo momento no sector da intermediación.

Segundo Josep-Francesc Valls, profesor de Mercadotecnia de ESADE e autor do estudo, “os datos revelan que practicamente se culminou o proceso de reestruturación do sector turístico, en concreto do hoteleiro, iniciado a raíz da crise de 2008”. Pola súa banda, o presidente da Confederación Española de Hoteis e Aloxamentos Turísticos (CEHAT), Joan Molas, afirma que o sector “está a superar moi ben a crise e, sen dúbida, o mellor comportamento dos turistas españois este verán axudará á saída da crise xeral”.

Medidas de expansión do negocio

Respecto a 2012 as innovacións proactivas, aquelas que teñen que ver coa expansión e impulso da empresa, aguantan mellor. En cambio as innovacións defensivas, aquelas relacionadas cos recortes, como a redución de custos ou de equipo ou optimización do negocio, perden fol.

Isto acontece preferentemente en hoteis, onde as innovacións na xestión do talento, a comercialización, o desenvolvemento online e o uso das redes sociais aumentan ata o máis alto. Nos restaurantes acontece o mesmo coas redes sociais, a comercialización e a xestión do talento; así como na intermediación, o negocio online e a comercialización relacionados co sector turístico.

A importancia das asociacións

O papel das asociacións turísticas para o desenvolvemento da innovación no sector é o principal actor durante todo 2013, segundo indica o estudo; algo que non acontecera dende o inicio destes estudos realizados por ESADE, en 2010.

Aínda así, existe unha percepción de que son as fontes internas das corporacións, como a práctica diaria do negocio, o equipo directivo, os clientes, os empregados e os provedores, entre outros, os que deben traducir este impulso de innovación. As grandes empresas do sector turístico seguen sendo os motores de innovación, aínda que as Pemes turísticas seguen mantendo o forte impulso que arrancou en 2012.

A consecución de clientes, a mellora do servizo e a mellora da imaxe son os obxectivos principais da innovación. Destacan tamén todas aquelas innovacións relacionadas coa diferenciación, maioritariamente entre a intermediación e os hoteis e as relacionadas coa especialización.

(Fonte: ABC)