O 43,06% das empresas que empregan especialistas en tecnoloxía en Galicia contratan mulleres con esta especialidade, unha porcentaxe que só superan Madrid cun 44,26%, e Estremadura cun 43,94%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) destaca, así mesmo que, de acordo co estudo realizado sobre a inserción laboral do Sistema Universitario de Galicia, a porcentaxe de mulleres que se manteñen empregadas en especialidades STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) nos dous primeiros anos tras obter o título é dun 83,9%, lixeiramente superior á de homes, que é dun 83,3.
A pesares das excelentes perspectivas de inserción laboral nos sectores tecnolóxicos, cun crecemento do emprego dun 23% entre 2015 e 2020, só o 20% dos 3660 empregos creados nese quinquenio foron mulleres. A fenda de xénero reflíctese tamén no feito de que nas empresas de tecnoloxía só o 1% das mulleres ocupa postos directivos, fronte ao 5,8% de homes. Atendendo ás funcións que desenvolven nas empresas, só o 14,7% están dedicadas a funcións tecnolóxicas, fronte ao 49,3% de homes. No caso de funcións non especificamente tecnolóxicas, a tendencia invértese e a presenza de mulleres (16,2%) supera aos homes (13%).
Segundo datos do OSIMGA, en 2020 foron 5885 as traballadoras nos sectores tecnolóxicos afiliadas á Seguridade Social, valor que se mantivo estable respecto a 2019. A pesar disto, continua o crecemento da fenda de xénero nestes sectores, debido a que o incremento do número de homes continuou no último ano.
Fonte: Código Cero