As pemes innovadoras galegas que desexen participar no programa de aceleración “Galicia Avanza” para favorecer a súa internacionalización teñen de prazo até o 3 de maio para presentar as súas solicitudes. Este programa, que se porá en marcha desde Tecnópole, xorde da colaboración entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia.
Nesta primeira convocatoria poderán participar até 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade. A metodoloxía do programa e as bases da convocatoria poden consultarse na web https://tecnopole.es/galiciaavanza.
O programa persegue que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, alcancen a presenza e/ou o fortalecemento no mercado exterior no menor tempo posible.
O programa ten unha duración de oito meses. Durante os primeiros dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas, segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes seis meses, o programa identificará e contratará aos provedores de servizos profesionais, que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios e fará o seguimento da súa implementación. De maneira paralela, as beneficiarias poderán acceder a unha carteira de mentores experimentados e recibirán formación específica en internacionalización.
Fonte: Tecnópole