O teléfono de atención e información ao cidadán da Xunta de Galicia (012) leva atendidas máis de 3,8 millóns de chamadas dende a súa posta en funcionamento no 2011. O centro de operacións deste servizo que se utiliza en toda a comunidade atópase no Parque Tecnolóxico de Galicia e está, de acordo co balance que realizou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, “consolidado” como a referencia telefónica dos cidadáns.
O proceso de unificación da xestión de diversos servizos telefónicos da administración iniciouse no 2011 co obxectivo de facilitar información e asesoramento, tanto en galego como en castelán e inglés, permitindo desta forma levar a cabo trámites de xeito sinxelo e directo. No caso do Servizo de Atención á Muller, de Información Social e da Liña de Axuda á Infancia, os servizos están operativos as 24 horas durante os 365 días do ano.
Na actualidade, están centralizados un total de 15 servizos telefónicos, que ademais de supoñer unha mellora na xestión da información, ofrece vantaxes como a sinxeleza do número, doado de recordar e marcar, cunha oferta dun servizo integral, posto que o mesmo operador pode responder calquera consulta realizada polo cidadán. Esta centralización do servizo supón un aforro para as arcas galegas unha media de 1,5 millóns de euros cada ano, xa que antes cada un destes teléfonos funcionaba de xeito independente.
Lingua de signos
Entre as prestacións que inclúe este servizo telefónico, situado fisicamente na Tecnópole, atópase o sistema de videointerpretación da lingua de signos, que garante o acceso de persoas con discapacidade auditiva en igualdade de condicións ao teléfono 012. Outra das melloras fundamentais, e que foi implantada nos últimos anos, é o sistema automatizado de atención telefónico no servizo de queimas, que permite solicitar un permiso para este labor as 24 horas durante os 365 días do ano. Dende a Xunta destacan que isto supón unha maior eficacia, ademais de diminuír o número de chamadas en cola.
Entre os servizos que se atopan integrados no 012 están o Teléfono Xove, Quérote, Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal, o Teléfono do Voluntariado, entre outros.
(Fonte: La Voz de Galicia)