NTouch permite usar máquinas de vending, caixeiros ou ascensores sen tocar teclas nin pantallas

SC Robotics foi creada en Vigo por tres enxeñeiros de telecomunicacións: Xabier Crespo, Daniel Pérez e Luís Miranda, con máis dunha década de experiencia no mundo da electrónica dentro e fóra de España. Abriron mercado no oeste peninsular, en dúas áreas: creando dispositivos electrónicos a medida para a monitorización remota de equipos -a internet das cousas aplicada á industria- e, por outro, deseñando dispositivos sen contacto, algo que en tempos de pandemia está a xerar un alto interese pola súa capacidade de evitar contaxios ao usar máquinas de vending, ascensores, caixeiros automáticos, pantallas informativas de centros comerciais, ou pantallas para gardar quendas en bancos, supermercados e centros de saúde. A empresa foi unha das 20 pemes seleccionadas para o programa Connect-19, a aceleradora de empresas especializada na comercialización de solucións innovadoras fronte ao impacto da COVID-19, impulsada pola Xunta e Tecnópole.

Xabier Crespo, socio fundador de SC Robotics, explica que desenvolveron NTouch, un dispositivo físico que permite aos usuarios interactuar con moitos tipos de máquinas sen necesidade de tocar as teclas ou as pantallas. Ten a vantaxe de conectarse vía USB nos equipos preexistentes, habilitando neles a función de traballar sen contacto. É dicir, con achegar un dedo ou mover unha man, segundo o caso, a máquina detecta que queremos marcar un número concreto ou pasar a imaxe dunha pantalla. Fan por tanto retroffiting ou actualización de máquinas e sistemas antigos.

A empresa personaliza o produto segundo as necesidades do cliente e moderniza os seus equipos, ao dotalos dunha nova funcionalidade sen ter que comezar desde cero, cos aforros de custos que isto supón.

“A demanda de `non tocar’ xurdiu coa Covid-19 pero non vai ser pasaxeira”

Crespo indica que “durante o confinamento estabamos a traballar noutro proxecto e o noso cliente detecta que o contacto físico pode ser un problema. Así que desde as nosas casas desenvolvemos un primeiro modelo, gustoulles e fómolo evolucionando até chegar ao deseño actual, moi distinto ao primeiro prototipo. Sabemos que o mercado está interesado e que os dispositivos para `evitar tocar´ non van ser unha necesidade pasaxeira”.

“A tecnoloxía empregada é nova en si mesma, porque facemos un traballo moi a medida e dificilmente escalable. O tipo de interaccións tamén son bastante innovadoras a nivel de consumidor final, coa excepción do mercado das consolas, que é un sector aparte e non comparable” -apunta o fundador da empresa-.

Fonte: Tecnópole