Xa están en marcha as novas convocatorias dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, coas que a Xunta de Galicia prevé apoiar ao redor de 90 pemes e microempresas no obxectivo de introducir as vantaxes da innovación en procesos, organización, produtos e servizos. Investiranse 4,3 millóns de euros que permitirán mobilizar 8,6 en sectores tan importantes como as industrias auxiliares conserveiras, as TIC ou o mundo automobilístico, entre moitos outros.
A través da páxina web da Axencia Galega de Innovación (GAIN), poden solicitarse xa as axudas da quinta edición de InnovaPeme, destinadas a incrementar as capacidades e actividades en plans de innovación das pemes e microempresas galegas con pouca ou nula experiencia neste eido. Cun orzamento de 2,8 millóns de euros permitirá ás beneficiarias poñer en marcha proxectos innovadores en procesos e organización, identificar tecnoloxías clave do seu negocio, mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados.
Pola súa parte, a segunda edición de DeseñaPeme chega co reto de seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través do impulso da xestión do deseño como valor estratéxico. Nesta ocasión o obxectivo é apoiar 50 proxectos centrados no deseño de produto, de servizos e experiencias, así como de marca e identidade corporativa para favorecer a posición das empresas. As axudas, de concorrencia competitiva, contarán cun orzamento de 1,5 millóns de euros, valorarán a xeración de deseños sustentables e outorgarán apoios de entre 5.000 e 100.000 euros.
Estas liñas de axudas forman parte do conxunto de apoios específicos para o impulso innovador nas pemes, como os préstamos IFI Innova -cuxo prazo está aberto cun orzamento de 2,5 millóns de euros-; o programa ReAcciona; a aceleradora Galicia Avanza -que promoverá desde a Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), a comercialización e internacionalización de produtos e servizos innovadores- ou os bonos de innovación, que tamén se activarán este ano.
Fonte: Faro de Vigo