Acaba de constituírse como empresa FlowReserve, unha spin-off da Universidade de Santiago e da Fundación IDIS (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago) que ofrece solucións de medicamento personalizado en Cardioloxía ao proporcionar indicadores de diagnóstico cardiolóxico por métodos non invasivos obtidos mediante reconstrución de imaxes do TAC e aplicación de modelos de dinámica de fluxo.
Os socios e o equipo promotor da empresa proceden do Departamento de Cardioloxía do CHUS, liderado polo doutor José Ramón González Juanatey e por investigadores do Grupo de Investigación de Física Non Liñal da USC, con Alberto P. Muñuzuri e Vicente Pérez á cabeza. A directora xeral é María Seoane.
A solución que está a desenvolver esta spin- off permite que o equipo médico coñeza o grao preciso de oclusión das arterias coronarias, obtido a través do cálculo de fluxo interno sobre a reconstrución das imaxes do TAC dos pacientes con cardiopatía isquémica. O 1 % da poboación total poderíase beneficiar desta proba diagnóstica non invasiva.
Este sistema ofrece un diagnóstico detallado en 24 horas que lle permite ao cardiólogo ter a información sen ter que levar a cabo o procedemento invasivo que agora mesmo se utiliza, que é a introdución dun catéter e guía de presión ata o corazón. Con esta nova tecnoloxía evitaríanse procedementos diagnósticos e terapéuticos innecesarios, así como as complicacións relacionadas con estes.
As vantaxes que ofrece son: unha mellor planificación do tratamento, mellora da calidade de vida do enfermo, redución do tempo de recuperación e da súa presenza no hospital, así como un notable aforro nos custos do tratamento. Agora mesmo xa se está a probar no CHUS, con resultados prometedores, e realizaranse máis probas en hospitais do Sergas e internacionais.
Fonte: El Correo Gallego