Novas tecnoloxías que miden as emocións do turista

Entre as noticias de actualidade da semana pasada destacou a Feira Internacional de Turismo, Fitur 2014, que se celebrou en Madrid, e na que destacaron especialmente as diversas tecnoloxías aplicadas a este sector clave para a economía española. Entre as novidades estivo unha tecnoloxía capaz de medir o impacto emocional que causaban unha serie de imaxes relacionadas con actividades e lugares turísticos. Era o Sociogragraph, un invento patentado pola Universidade de Salamanca e explotado por unha empresa palentina.

José Luis Martínez Herrador, catedrático de Psicoloxía Evolutiva da Universidade de Salamanca, que habitualmente desenvolve o seu traballo na Facultade de Educación e Turismo de Ávila, é o principal responsable dunha tecnoloxía que, a través duns sensores colocados nas mans, logra avaliar os niveis de atención e de emoción dunha persoa ao presenciar calquera acto, dende un discurso a unha película.

A utilidade desta tecnoloxía fai que este desenvolvemento tecnolóxico sexa do máximo interese para o neuromarketing, unha disciplina que aplica técnicas do ámbito das neurociencias ao ámbito da mercadotecnia. En concreto, os eléctrodos de contacto miden respostas biométricas, como a actividade cerebral, a reacción da pel ou o ritmo cardíaco. O conxunto de diversos parámetros sintetízase en datos que mostran a sensibilidade de cada persoa que é exposta ante unha experiencia concreta. Para campos como a política ou a publicidade trátase dunha magnífica ferramenta coa que medir respostas a mensaxes.

Comercialización

A empresa palentina ICON Multimedia fixouse nesta tecnoloxía e axudou a desenvolvela e agora é Sociograph Neuromarketing a compañía que traballa con ela en exclusiva e o fai, por exemplo, cun importante cliente do ámbito da comunicación como o Grupo Mediaset, segundo informou a institución académica salmantina.

Nos últimos anos, o Sociogragraph aplicouse a diversos ámbitos, primeiro nun nivel experimental e, pouco a pouco en aplicacións cada vez máis concretas. Os experimentos foron variando, dende os primeiros con estudantes da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Salamanca, que visualizaban secuencias de anuncios; pasando pola visualización dun curto nun cinema de Palencia para público xeral; ata a aplicación presentada en Fitur, chamada Destinómetro, que se situou no stand de Turespaña e proxectou imaxes de parques nacionais, praias ou gastronomía para ver a resposta do público a cada unha.

(Fonte: EFE)