Novas axudas públicas para contratar investigadores e impulsar a I+D+i

O Consello de Ministros anunciou a publicación, a través da Axencia Estatal de Investigación, de varias convocatorias de axudas para a contratación de investigadores. En total, serán 105 millóns de euros, que permitirán empregar máis de 1000 científicos e técnicos de apoio en universidades, centros de investigación e empresas.

O obxectivo destas axudas, informaron dende a Axencia Estatal de Investigación, é “incentivar, mediante convocatorias en concorrencia competitiva, a incorporación de científicos dunha traxectoria destacada, nas súas diferentes etapas, ao sistema español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, así como de persoal técnico de apoio”. Ademais, en opinión do organismo que dirixe Carmen Vela, con estas convocatorias refórzase a súa formación e especialización”.

As axudas iranse publicando nas próximas semanas. Unha delas é a Ramón y Cajal, dirixida a investigadores con ata dez anos de experiencia postdoutoral e unha traxectoria destacada e consolidada en organismos de investigación. Está dotada con máis de 54 millóns de euros e prevé a contratación de ata 175 doutores tanto españois como estranxeiros.

Pola súa banda, a convocatoria Juan de la Cierva-Incorporación destinará 14,4 millóns de euros para contratar ata 225 novos doutores en universidades, organismos públicos de investigación e outros centros de I+D sen ánimo de lucro. E a Juan de la Cierva-Formación, dotada con 11,2 millóns, axudará a novos doutores que completaran a súa formación postdoutoral nos últimos dous anos a incorporarse en universidades, organismos públicos de investigación e outros centros de I+D sen ánimo de lucro.

A Convocatoria Torres Quevedo tamén é outra das anunciadas polo Goberno. Contará con 15 millóns de euros para a contratación de 200 doutores en empresas, centros tecnolóxicos de ámbito estatal, centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal, asociacións empresariais e parques científicos e tecnolóxicos.

Finalmente, noutras dúas convocatorias financiarase con máis de 7 millóns de euros a incorporación de 180 técnicos con titulación universitaria ou titulación superior en formación profesional e 3 millóns de euros para cofinanciar 50 contratos laborais de persoal investigador en formación que participe nun proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental.

400 millóns para proxectos de I+D+i

Por outro lado, o último Consello de Ministros tamén autorizou a convocatoria 2017 de ‘Retos-Colaboración’. Segundo a Axencia Estatal de Investigación, o obxectivo é “potenciar a colaboración público-privada, promover o desenvolvemento de novas tecnoloxías, impulsar a innovación empresarial e contribuír á creación de novos produtos e servizos”. Desta forma, preténdese tamén fomentar a creación de empresas innovadoras e mobilizar o investimento.

O presuposto desta convocatoria, cofinanciada con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), é de 499,4 millóns de euros, dos que case 100 millóns son subvencións. O resto é en anticipo reembolsable FEDER e empréstitos (tipo de interese do Euribor a un ano, con 10 anos de amortización incluíndo 3 de carencia).

(Fonte: Innovaspain)