Nova York elixe o talento español para converterse nunha cidade máis sustentable

O Concello de Nova York premiou as que, posiblemente, sexan as mellores empresas do mundo en solucións para facer as cidades máis habitables e sustentables. Catro das 15 firmas candidatas na gran final eran españolas, un éxito só mellorado polo país anfitrión, Estados Unidos, con cinco representantes.

Finalmente, grupo español Urbiotica gañou na categoría de ‘Infraestruturas’. Urbiotica, fundada en 2008, presentouse como un fabricante de redes de sensores autónomos sen fíos que permiten manexar diferentes servizos dunha cidade. Os artefactos de Urbiotica miden en tempo real os aparcamentos baleiros dunha rúa, os atoamentos, a contaminación, o ruído ou os niveis de enchedura dos colectores de lixo. Esta información permite aos xestores municipais tomar decisións que garanten unha maior eficiencia e sustentabilidade.

Cidades alemás, austríacas, francesas, chilenas e brasileiras, entre outros países, gozan destes avances. Con este premio, a firma poderá gozar da plataforma de apoio da New York City Economic Development Corporation, organizador do World to New York Global Industry Challenge.

Outra empresa española que competiu con Urbiotica na mesma categoría foi Bismart. Esta converte as toneladas de datos que circulan por todos os soportes en coñecemento, o que axuda a empresas e organismos a tomar decisións. Dedícase ás solucións de Business Intelligence e é socio estratéxico de Microsoft, de quen recibiu o seu premio mundial.

As outras dúas firmas españolas presentes en Manhattan foron Sensing & Control, de Barcelona, e Skybus, de Madrid. A primeira competiu na categoría de ‘Enerxía e Redes Intelixentes’, e a segunda, na de ‘Mobilidade e Transportes’. Sensing & Control ofrece solucións técnicas para o control en presenza ou a distancia dos servizos de edificios e fogares: enerxía, consumo de auga, calidade do aire, refrixeración e calefacción.

Skybus presenta un sistema de autobuses á carta, de tal forma que o pasaxeiro reserva a través de Internet, acode á parada máis próxima da súa casa, e alí recólleo o vehículo, que compartirá con outros veciños que realizan o mesmo percorrido.

(Fonte: Spain Technology)