Parque Tecnolóxico de Galicia oferta 15 novas prazas de formación gratuíta en creación e xestión de microempresas. O curso, de seis meses de duración, terá como resultado a elaboración dun proxecto de negocio, cun premio á mellor proposta que consistirá en catro meses de estancia gratis na incubadora de Tecnópole. Os alumnos que completen o curso recibirán un certificado oficial de profesionalidade con validez estatal.
Os emprendedores interesados, que han de contar cun nivel de formación de Bacharelato ou equivalente, deberán presentarse a unha sinxela proba de selección o próximo 19 de setembro en Tecnópole, para a que é necesario inscribirse. Se a superan, poderán beneficiarse do curso, que terá lugar entre o 9 de outubro de 2017 e o 3 de abril de 2018 polas mañás, con máis de 500 horas de formación enfocada baixo unha metodoloxía moi innovadora e incluíndo 40 horas de prácticas en empresas.
Enfoque práctico
A formación capacitará os participantes para dirixir pequenos negocios ou microempresas. Entre as habilidades que adquirirán figuran a planificación e implementación de estratexias de áreas de negocio, aprendendo a programar as actividades, xestionar persoas, organizar e controlar recursos materiais e realizar operacións económico-financeiras.
Ademais, os alumnos serán adestrados no desenvolvemento da comercialización e venda dos produtos e servizos e na xestión baixo criterios de calidade e protección ambiental, todo iso asegurando a prevención de riscos laborais e utilizando servizos de xestión ou asesoría cando a complexidade da actividade o requira, co fin de garantir o logro dos seus obxectivos empresariais e o cumprimento da normativa vixente.
O curso enmárcase no programa de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
(Fonte: Tecnópole)