Nova edición de “Ciencia e Tecnoloxía en feminino” en Tecnópole

Tecnópole está integrada no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-. O propósito desta iniciativa é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras STEM -Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas-, debido a que a súa presenza nestas materias segue a ser baixa.

No marco deste proxecto e coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, Tecnópole vai celebrar dúas xornadas, a primeira o 6 de febreiro e a segunda o 10 de febreiro, dirixidas a alumnado de Secundaria. Participarán en actividades que lles achegarán a ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e lúdico, contribuíndo a derrubar falsos estereotipos sobre profesións adscritas tradicionalmente ao público masculino.

Os talleres impartiraos a enxeñeira biomédica Iria Ollero. A rapazada explorará como funcionan os nosos sentidos e por que coidalos é clave para a nosa saúde e benestar. Tamén terán a oportunidade de participar nun escape room científico, baseado na figura de Hedy Lamarr, a actriz de Hollywood que desenvolveu un sistema de comunicación precursor do wifi.

A experiencia de mulleres científicas e tecnólogas

Nestas xornadas convidarase a mulleres que traballan no campo da ciencia e a tecnoloxía, que relatarán a súa experiencia persoal, explicando por que decidiron elixir unha carreira STEM e cal foi a súa aplicación no mercado laboral. A finalidade é que o alumnado poida descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas. Intervirán Esther Merlo, enxeñeira de Montes, con dúas décadas de experiencia no eido da investigación científica e a innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira, fundadora, directora e responsable do departamento de Innovación Tecnolóxica da empresa Madera Plus, con sede en Tecnópole; e Marta Otero, doutora en Ciencias Físicas que traballa como técnica de I+D no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, situado tamén en Tecnópole.

Propostas para un mundo mellor

O alumnado poderá participar no concurso nacional “Propostas innovadoras aos retos para o desenvolvemento sostible”. Para iso deberán elixir un problema vencellado coa saúde e o benestar que recolle o ODS 3 de Nacións Unidas e desenvolver unha proposta para solucionalo, coa idea de crear un mundo mellor de cara a 2030. Unha vez rematada a xornada, o alumnado traballará por grupos nos seus centros, enviará un proxecto en formato vídeo a Tecnópole e a solución elixida participará nun certame que se celebrará en Elche en abril.

Coñecerán as saídas laborais no eido da ciencia e das tecnoloxías disruptivas

Os participantes recibirán a guía Que quero ser de maior?, na que se recollen as saídas profesionais de diversas carreiras científicas e tecnolóxicas, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. Entregaráselles tamén a guía Que son as tecnoloxías disruptivas?, que busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo -como o blockchain, big data, intelixencia artificial, 5G, ciberseguridade, computación cuántica…- e as súas posibles saídas profesionais.

Mulleres referentes para as novas xeracións

O estudantado visitará a exposición Mulleres que cambiaron o mundo, protagonizada por mulleres relevantes no campo da ciencia e a tecnoloxía que deixaron a súa pegada ao longo da historia; e a mostra Mulleres que cambian o mundo, na que se destacan a aquelas profesionais do ámbito do Parque Tecnolóxico de Galicia que na actualidade están a desenvolver un importante labor nestes eidos.