O Parque Tecnolóxico de Galicia pon en marcha unha nova edición das súas Aulas Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 12 a 18 anos. A matrícula poderá realizarse ata o 30 de setembro (ou ata esgotar as prazas), a través da páxina web https://tecnopole.gal/aulas-tecnopole/. Esta proposta enmárcase dentro das actividades de “Tecnópole Divulga”, que busca incentivar as vocacións científicas e técnicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras.
As Aulas Tecnópole alcanzan este ano a súa décimo quinta edición. As prazas están limitadas a 45 asistentes, por orde de inscrición. A cota mensual é de 20 €, que inclúe ademais o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense.
Os participantes trasládanse unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, durante os meses de outubro de 2024 a maio de 2025. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente en programas destas características.
Un magnífico trampolín para participar en feiras científicas nacionais como Exporecerca Jove en Barcelona
Os rapaces e rapazas deciden os proxectos que van desenvolver ao longo do curso, apoiados polos seus docentes. Os participantes nesta experiencia, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Ademais, terán a ocasión de presentar as súas propostas en diferentes feiras e eventos científicos de ámbito autonómico ou nacional como Exporecerca Jove en Barcelona, Open Science en Cambre ou CinVigo na cidade olívica; nas que os equipos de Aulas Tecnópole adoitan obter importantes recoñecementos aos seus traballos.
Ao igual que o curso pasado, aproveitaranse as instalacións da Aula Newton para realizar determinadas actividades como o deseño de sondas estratósfericas, microsatélites, túneles de vento ou mesmo a construción de drons, entre outras propostas vencelladas co eido aeronáutico e aeroespacial.