Nova convocatoria de axudas do programa Kit Dixital

Red.es publica a terceira convocatoria de axudas destinadas á dixitalización de pequenas empresas de entre 0 e menos de 3 empregados. Na convocatoria detállanse os requisitos para solicitar as axudas, as obrigas que contraen os beneficiarios, os importes máximos de axuda por cada categoría de solucións de dixitalización, a xustificación, o pago e control da implantación das solucións, entre outras materias. Esta terceira convocatoria conta cun orzamento inicial de 500 millóns de euros e ten por finalidade a mellora da competitividade e do nivel de madurez dixital de empresas deste segmento.

A contía da axuda para este segmento será de 2.000 euros e con ela as pemes e autónomos poderán adquirir as solucións de dixitalización para áreas clave como: sitio web e presenza na internet, xestión de redes sociais, comercio electrónico; a xestión de clientes; servizos e ferramentas de oficina virtual, intelixencia empresarial e analítica, xestión de procesos, factura electrónica, comunicacións seguras, ciberseguridade, e as dúas novas solucións de dixitalización que se engadiron coa modificación da orde de bases: presenza avanzada na internet e marketplace. O prazo para presentar as solicitudes manterase aberto durante 12 meses.

Red.es axiliza e facilita o proceso de solicitude ás pequenas empresas

Co fin de facilitar ao máximo o acceso ás axudas, habilitouse a figura do representante voluntario, é dicir, que calquera terceiro -sexa persoa física ou xurídica, debidamente autorizado- pode solicitar a axuda por conta da empresa. Ademais, seguindo a liña de alixeirar o proceso de solicitude para as empresas, baixo o lema cero papeis, Red.es deseñou un sistema de tramitación moi innovador usando ferramentas de robotización e intelixencia artificial automatizado que reduce a carga burocrática, diminúe o número de documentos a presentar e acurta os prazos de concesión. A empresa poderá solicitar a axuda sen achegar ningunha documentación. Será suficiente con que o empresario autorice a Red.es a consultar de oficio os requisitos e obrigas requiridas para obter a condición de beneficiario, salvagardando a transparencia e seguridade xurídica.

Máis de 9.300 axentes dixitalizadores

Actualmente, o catálogo de axentes dixitalizadores está composto por máis de 9.300 axentes adheridos. O prazo de adhesión continuará aberto durante toda a duración do Programa, polo que o catálogo irase ampliando segundo se vaian resolvendo as solicitudes.

Fonte: Código Cero