Como para as naves os seus niños, para os drons son bases de aloxamento, de recarga, de despegamento e de aterraxe, e tamén se adaptan aos seus tamaños. «Instalando unha cada catorce quilómetros», con drons autónomos controlaríase toda a costa galega, en terra e mar adentro, no radio de alcance da aeronave non tripulada, explica Carlos Calvo, director do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).
Programándoos, os drons voan de modo autónomo pola zona marcada, aínda que tamén é posible dirixilos remotamente. Equipados con cámaras térmicas que transmiten imaxes en tempo real, axudan a localizar a persoas en apertos en mar e terra, ademais de servir para detectar incendios forestais, entre outros labores.
Resultado de ano e medio de traballo, os niños de recarga intelixente e os drons de voo autónomo deseñáronos a unidade mixta de investigación formada por ITG e Star Defence Logistincs & Engineering (SDLE). A solución bautizárona como Drone in a Box. Aínda non pode utilizarse, á espera de que a Unión Europea cambie a norma. Anticipándose, ITG desenvolveu eses equipos para usos civís, con drons con máis autonomía que os actuais, máis intelixencia de voo, menores custos operativos e unha mínima intervención humana.
Voan en longas distancias, máis aló da liña de vista do piloto e en períodos ininterrompidos. De modo autónomo en percorridos prefixados ou, dependendo do dron, controlándoos remotamente en escenarios onde as operacións resulten máis complexas. Despegan e aterran verticalmente e regresan ao seu niño cando lles toca recargarse. As bases poden instalarse en case todo tipo de localizacións.
Fonte: La Voz de Galicia