Se quedaches coa idea de que blockchain é simplemente a tecnoloxía que fixo posible bitcoin, quédache moito por aprender. A marca deportiva Nike patentou a idea dunhas zapatillas compatibles coa cadea de bloques, que bautizou como CryptoKicks. Con esta iniciativa, a compañía busca combater as falsificacións, pero tamén pretende conseguir una maior implicación dos seus clientes coa marca e podería servirlle de axuda no deseño creativo de novos modelos.
O sistema que definiu Nike baséase en unir un produto físico -o calzado deportivo- con activos criptográficos ou tokens, que se crearían na blockchain de Ethereum. En resumo, cada par de CryptoKicks leva consigo un activo dixital cun identificador único das zapatillas.
Segundo explica o documento -presentado na oficina de patentes de EE UU en abril, pero outorgada o pasado 10 de decembro-, cando un consumidor compra un par de zapatos, debe escanear o código de barras que se atopa na caixa a través dunha aplicación móbil.
Para desbloquear o token, é necesario vincular o código de identificación da zapatilla -unha clave de 10 díxitos- co do seu propietario. Desta forma asegúrase a autenticidade do produto e garántese ao cliente que non está fronte a unha falsificación. Tamén pode resultar de utilidade para que a compañía poida levar a cabo campañas promocionais para os usuarios de CryptoKicks. Nun evento deportivo, por exemplo, Nike podería regalar complementos para as deportivas dixitais dos asistentes que as teñan.
Grazas a esta tecnoloxía, a multinacional tamén é capaz de rastrexar a propiedade das zapatillas en caso de que cambien de dono. Se as deportivas se venden a outra persoa, a súa propiedade dixital pode transferirse co intercambio do calzado e os tokens asociados, xa que estes activos dixitais poden almacenarse nunha billeteira de criptomoedas.
Nike describe así o potencial desta solución tecnolóxica para loitar contra as falsificacións: “Un usuario pode comprar un novo par de zapatillas a un provedor verificado que pode proporcionar rexistros de procedencia autenticados destas”.
A febre da revenda de zapatillas
O aumento dos controis sobre a autenticidade das zapatillas que supón esta patente é un movemento de incrible valor estratéxico para Nike. Dende hai unha década, o seu sector viu como a revenda de zapatillas deportivas en edición limitada -e un subconxunto de produtos asociados á cultura urbana- alcanzaba cifras astronómicas.
O mercado de segunda man destes produtos move varios miles de millóns de euros ao ano e a especulación permitiu proliferar a plataformas dixitais como StockX ou Klekt, que funcionan como mercados de valores. Nestas páxinas, os coleccionistas poden consultar as poxas máximas e mínimas que se fan por cada zapatilla para compralas por prezos que, en ocasións, superan as catro cifras.
O certificado de autenticidade que prové a cadea de bloques pode servir para consolidar o sistema de revenda actual incrementando a confianza que os compradores depositan nos mercados de segunda man e engadindo, de paso, o concepto de edición limitada que tanto dispara os prezos. No mundo só existirá unha zapatilla dixital como a túa. ¿Canto estarías disposto a pagar por ela?
Con esta iniciativa, a empresa pretende automatizar a xeración de activos criptográficos asociados a artigos de calzado ou arquivos de deseño dixital representativos destes. A súa solicitude describe un mercado online de roupa e calzado no que os usuarios “poidan extraer, gañar, comprar, recibir, almacenar e transferir tokens, criptomoedas e outras solucións baseadas en blockchain”.
A proposta de Nike non remata aquí. A patente engade que os propietarios das CryptoKicks poderán comprar e vender as súas zapatillas dixitais, pero tamén xuntalas coas doutra persoa para que se reproduzan e teñan unha sorte de descendencia de zapatos. É inevitable pensar que a compañía puidera tomar esta idea de CryptoKitties, un popular videoxogo online baseado na cadea de bloques que permite aos seus xogadores comprar, vender, criar e coleccionar gatos virtuais.
Neste sentido, é interesante recordar que cada token se compón dun conxunto de datos sobre a cor, estilo e material da zapatilla dixital, polo que cada unha delas é diferente. A compañía podería aproveitar a enxeñería xenética artificial resultante das mesturas entre diferentes zapatillas dixitais como inspiración para deseñar novos modelos de calzado deportivo.
A compañía tamén describe na súa patente a posibilidade de que a CryptoKick virtual cobre vida dalgún xeito e, ao estilo do histórico Tamagochi, o seu propietario poida guiala no seu proceso de evolución dende acabada de nacer ata adulta pasando pola súa etapa adolescente, desbloqueando diferentes zapatillas físicas en cada etapa do proceso. Nike chega a valorar que a deportiva virtual poida facerse un oco en determinados universos dixitais como complemento para personaxes de videoxogo.
(Fonte: Retina)