Navia 3D: Contornas virtuais para múltiples sectores (Tecnópole)

Navia 3D logrou renovar o apoio do programa Incuvi a través da convocatoria Avanza e poderá ampliar a súa estadía na Tecnópole ou na Zona Franca, localización que o equipo formado por Rita Pérez e Simón Fernández está a valorar, xa que a súa sede está en Ribadavia. A súa proposta é unha empresa con base tecnolóxica onde o seu forte, o modelo 3D e a virtualización, son a base principal para moitas tecnoloxías emerxentes que están a usar nos seus proxectos como a realidade virtual, realidade aumentada ou contornas interactivas.

O campo que abriron é amplo e están en pleno proceso de exploración. “En temas de virtualización do patrimonio, Galicia ten moito potencial e hai moito patrimonio esquecido”, explican, “pero é importante unha maior implicación por parte das administracións. Atopámonos con moitos casos de asignación dos proxectos a empresas de fóra cando hai empresas en Galicia que fan moi bos traballos”, apuntan.

Por outro lado, os servizos que ofrecen diríxense tamén a outros sectores como a construción, os distribuidores ou a automoción e están a ter boa aceptación. “Ademais, antigos clientes cos que traballamos están a expor novos proxectos e están interesados nos beneficios das novas Tecnoloxías”, sinalan.

O apoio do Incuvi Avanza é de grande axuda para calquera proxecto na súa fase inicial, xa que proporciona un espazo para situarse, formación e asesoramento. “Pero o máis importante para nós é o contacto cos nosos compañeiros e outros emprendedores, e o poder compartir experiencias, colaborar e aprender de todos”, destacan.

Ademais desta axuda, Navia 3D atópase entre os dez proxectos seleccionados para participar na terceira edición da incubadora empresarial de alta tecnoloxía especializada no sector da automoción “High Tech Auto Galicia”.

Fonte: Faro de Vigo