Nanotecnoloxía galaicoportuguesa permitirá detectar no sangue presenza de enfermedades cancerosas

NANOeaters, proxecto de Aimen Centro Tecnolóxico e o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnología (INL), permitiu o desenvolvemento dun dispositivo microfluídico portable e funcionalizado para aplicacións biomédicas. O seu obxectivo é mellorar o filtrado de mostras sanguíneas de cara á extracción de plasma para o diagnóstico precoz de enfermidades cancerosas.

Un sistema microfluídico é un instrumento que usa cantidades moi pequenas de líquido nun microprocesador para realizar algunhas probas de laboratorio. Un dispositivo deste tipo pode usar líquidos do corpo ou solucións que conteñan células ou partes de células para diagnosticar enfermidades.

A tecnoloxía empregada é un mix da capacidade con láseres ultrarrápidos do grupo de Aplicacións Láser de Micro-Mecanizado Avanzadas de Aimen; e, doutra banda, a experiencia en fabricación e replicación de micro e nano estruturas do grupo de Microfabricación e Nanotecnoloxía exploratoria do INL.

A investigación permitiu a miniaturización dos dispositivos fabricados, así como a personalización dos mesmos, permitindo contar cunha alta capacidade de produción e reducir os custos de fabricación. A colaboración facilitou a fabricación dun prototipo que permitirá, a partir de pequenas mostras de sangue, illar parte dos compoñentes do plasma sanguíneo para diferentes diagnósticos.

Este dispositivo será ensaiado e validado nos vindeiros meses a través da colaboración coa biotecnolóxica Nasasbiotech. O proxecto NANOeaters, cofinanciado polo programa Interreg Poctep, está liderado por GAIN, da Xunta, e nel participan ademais do INL portugués e de Aimen as Universidades de Vigo e Santiago; os centros tecnolóxicos Gradiant e CTAG, ademais de Aimen; e a Fundación Biomédica Galicia Sur.

Fonte: El Correo Gallego