Nanorrobots do tamaño de células que nadan polo sangue, eliminando bacterias e toxinas

Nunha xesta tecnolóxica que hai non moitos anos sería exclusiva da ciencia-ficción, uns enxeñeiros desenvolveron diminutos robots enerxizados por ultrasóns que poden nadar a través do sangue, eliminando bacterias perniciosas xunto coas toxinas que producen.

Os investigadores construíron os nanorrobots mediante o recubrimento de nanofíos de ouro cun híbrido de membranas de plaquetas e de glóbulos vermellos. Este recubrimento de membrana celular híbrida permite aos nanorrobots desempeñar as tarefas de dúas células de tipos diferentes a un mesmo tempo, as plaquetas, que se enlazan a patóxenos como as bacterias para contribuír a neutralizalos, e os glóbulos vermellos, que absorben e neutralizan as toxinas producidas por estas bacterias. A parte corporal de ouro dos nanorrobots reacciona aos ultrasóns de tal maneira que iso proporciónalles a capacidade de desprazarse nadando rapidamente, sen usar combustible químico. Esta mobilidade axúdalles a entrar en contacto con bacterias e toxinas no sangue e acelerar a desintoxicación.

O recubrimento tamén protexe os nanorrobots dun proceso coñecido como bioincrustación, que acontece cando as proteínas se acumulan na superficie de obxectos estraños e iso impide que operen con normalidade.

Este traballo de investigación e desenvolvemento é obra do equipo de Berta Esteban-Fernández de Ávila, do Departamento de nanoenxeñería na Escola Jacobs de Enxeñería, dependente da Universidade de California en San Diego, Estados Unidos. O que ela e os seus colegas pretenden lograr é crear nanorrobots multifuncionais que poidan levar a cabo tantas tarefas distintas a un tempo como sexa posible.

Os investigadores crearon o recubrimento híbrido separando en primeiro lugar membranas completas de plaquetas e glóbulos vermellos. Despois aplicaron ondas de son de alta frecuencia para fusionalas. Dado que as membranas se obtiveron de células reais, conteñen todas as “ferramentas” orixinais da súa superficie celular, que son esencialmente as proteínas.

25 veces máis finos que un cabelo

Os nanorrobots son unhas 25 veces máis pequenos que o grosor dun cabelo humano. Poden viaxar a ata 35 micrómetros por segundo no sangue, cando son enerxizados con ultrasóns. Nas probas, os investigadores utilizáronos para depurar mostras de sangue contaminadas coa bacteria Staphylococcus aureus resistente á meticilina (bacteria coñecida tamén como MRSA) e as súas toxinas. Despois de cinco minutos de actividade dos nanorrobots, estas mostras sanguíneas tiñan tres veces menos bacterias e toxinas que as mostras sen tratar.

O traballo de investigación e desenvolvemento áchase aínda nunha etapa inicial. Os investigadores matizan que o obxectivo final non é usar os nanorrobots especificamente para tratar infeccións de MRSA, senón para depurar fluídos biolóxicos en xeral. Os plans futuros inclúen ensaios en animais vivos. O equipo está a traballar en producir nanorrobots a partir de materiais biodegradables que substitúan o ouro.

(Fonte: NCyT)