Nacen os premios GirlGeekCovid para incentivar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mulleres

Segundo o Observatorio da Igualdade da UVigo publicado en setembro, as alumnas son maioría en todos os eidos do coñecemento, excepto no da enxeñaría e a arquitectura, no que representan tan só o 23% do total de estudantes matriculados. Esta infrarrepresentación pode xerar unha enorme fenda económica e salarial nun futuro no que se agarda que o 90% dos traballos pertenzan a estes ámbitos.

Para facer fronte a esta situación e fomentar a presenza de mulleres no eido científico e tecnolóxico, a Universidade de Vigo conta con varias iniciativas como as xornadas Elas fan CienTec ou Exxperimenta en Feminino, ao tempo que colabora cos institutos que imparten o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach. A estas propostas agora súmanse os Premios GirlGeekCovid, que se enmarcan na Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo que as dúas institucións renovaron o pasado mes de xullo. A convocatoria está destinada ás alumnas da Universidade de Vigo matriculadas nalgunha das titulacións STEM nos campus de Vigo e Pontevedra e ten como obxectivo incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas con dous galardóns de 2.000 € e dous accésits de 1.000 € para as que teñan mellor expediente e maior motivación.

Segundo explica a directora da Unidade de Igualdade da UVigo Águeda Gómez, “estes premios nacen co fin de reforzar e apoiar as vocacións STEM das mozas da nosa Universidade e está na liña marcada por esta cátedra co fin último de incorporar ás mulleres ao mundo dixital e acabar co machismo e o sexismo dixital, máis aínda neste tempo de covid-19 onde o ámbito dixital resulta fundamental en todos os ámbitos da nosa vida social, laboral e persoal”. O prazo de presentación das solicitudes remata o 16 de outubro.

Fonte: Universidade de Vigo